76% da actividade dos plenos no Parlamento debeuse á oposición

O PP destaca as 26 leis aprobadas neste período
Pedro Pui, Alberto Pazos, Paula Prado e Marta Nóvoa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pedro Pui, Alberto Pazos, Paula Prado e Marta Nóvoa (Foto: Nós Diario).

O portavoz do PP da Galiza no Parlamento galego, Pedro Pui, compareceu esta segunda feira acompañado do resto de membros da dirección do grupo popular, entre eles a secretaria xeral do partido, Paula Prado, para facer un balanzo da actividade no Pazo do Hórreo no que vai de XI Lexislatura. Con 711 horas e 13 minutos de debate en pleno, Pui recalcou que a Galiza ten un dos parlamentos autonómicos "máis activos" do Estado.

En concreto, o total de actividade en sesións parlamentarias —é dicir, plenos e comisións—estendeuse durante 2.124 horas e 44 minutos —2 horas e 26 minutos diarios de media desde o inicio do mandato—.

Actividade

Un 76,2% das cuestións de media de cada pleno, recoñeceu o portavoz na Cámara, impúlsanse a iniciativa da oposición, con 10,9 intervencións de media do Goberno e 6,6 iniciativas doutros formatos. 

Sumando plenos e comisións, salientou Pui, os membros do Goberno galego compareceron  "unha media de dúas veces cada día" duramente o que vai desta XI Lexislatura.

Leis aprobadas

O voceiro do PP na Cámara galega tamén destacou que se aprobaron 26 textos lexislativos no que vai de lexislatura, dous máis que na anterior completa, apuntou. Ademais dos orzamentos "máis elevados" da historia da autonomía, os correspondentes ao ano 2023, destacou Pedro Pui as leis para o desenvolvemento industrial e aquelas para facilitar a incorporación de profesionais á sanidade.

En canto á actividade en pleno, Pedro Pui afirmou que, fronte ás acusacións de 'pasar o rolo' que a oposición achaca ao PP, os populares sentíronse "un pouco sós" no impulso das políticas que consideran "positivas para a Galiza", pondo como exemplo os últimos presupostos aprobados. Porén, esas contas aprobáronse após aceptar a maioría popular unicamente tres das 1.400 emendas presentadas polo BNG e o PSdeG, rexeitando todas as restantes.

Comentarios