Unanimidade no Parlamento para exixir o tren de proximidade en 2023

A Cámara pide ao Estado mellorar os comboios.
Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)

O Parlamento galego acordou esta sexta feira por unanimidade demandar ao Goberno do Estado un tren de proximidade para Galiza en 2023, un servizo que garanta unha comunicación "de proximidade" e un transporte público que "contribúa á sostibilidade do medio ambiente". Este acordo apoiado polos tres grupos con representación na Cámara —PP, BNG e PSdeG— naceu dunha proposición non de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego.

O propio Parlamento informaba desta unanimidade a través dun comunicado, no que sinalaba que "insta a Xunta a esixir ao Goberno central a declaración de servizos ferroviarios de proximidade nas liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Santiago e Vigo-Pontevedra-Vilagarcía-Santiago, co obxecto de que entren en funcionamento no primeiro semestre de 2023".

O acordo cobra maior importancia xa que o Ministerio de Transportes contempla ampliar o tren de proximidade en 2023 a varias cidades e liñas do Estado, mais ningunha delas na Galiza. Deste modo, o país continuará a ter a maior área metropolitana do Estado sen este servizo 
—Vigo, con 550.000 habitantes—.

A proposta referendada pola Cámara tamén solicita á Xunta da Galiza "a mellora dos servizos ferroviarios entre Vigo e A Coruña" no que atinxe a diversas cuestións.

Así, os deputados e deputadas  reclaman a "reposición dos trens incluídos no contrato de servizo público e aínda non recuperados",  ampliación da oferta horaria —"para garantir o acceso ao traballo e centros de estudos ás 8 da mañá, tanto en sentido Pontevedra-Vigo como Vigo-A Coruña"— ou a "mellora da fiabilidade e da calidade dos servizos, co obxecto de evitar avarías e outras incidencias". Esta última, con maior sentido após as últimas incidencias en liñas ferroviarias galegas, con dous trens ardidos en apenas unha semana.

O reforzo da oferta de trens "en horas, días e traxectos de maior demanda para evitar os problemas que se están a producir nesta liña, cun grande número de persoas que non poden facer uso do tren por falta de prazas” é o último punto deste acordo parlamentar.

Conexión en Ferrol

Por outra parte, o Goberno español anunciou esta sexta feira que pedirá fondos europeos para financiar a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol.

Comentarios