O BNG reclama soberanía fronte a Constitución

Néstor Rego anuncia que non participará dos actos organizados no Congreso dos Deputados polo Día da Constitución. "Consagra unha monarquía e corrupta, limita dereitos democráticos esenciais e nega a existencia de nacións como Galiza e a súa capacidade para decidir de forma soberana", afirma.
Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso (Nós Diario)
photo_camera Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso (Nós Diario)

O deputado do BNG Néstor Rego non participará de ningún dos actos protocolarios organizados este domingo no Congreso dos Deputados con motivo do Día da Constitución. Así o trasladou aos medios nun comunicado, no que reclama soberanía para Galiza.

Segundo denuncia Rego, a Carta magna "consagra unha monarquía anacrónica e corrupta, limita dereitos democráticos esenciais e nega a existencia de nacións como Galiza e a súa capacidade para decidir de forma soberana". O BNG foi unha das forzas da cámara que reclamou investigar actividades posibelmente ilícitas do rei emérito Juan Carlos Borbón cando exercía como xefe do Estado.

Rego considera fracasado o actual marco constitucional, "marcado pola corrupción da monarquía e das elites políticas e económicas e que actúa como un corsé que lastra o futuro do país".

No comunicado sostén que o texto constitucional serve de base de maneira sistemática para coartar dereitos e liberdades públicas e, moi especialmente, para negar dereitos colectivos fundamentais como o de autodeterminación das nacións que forman parte do Estado español.

"Galiza precisa ter a capacidade de decidir por si mesma de maneira soberana como a única forma para poder desenvolverse plenamente desde o punto de vista social, económico, político e cultural para poder mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos", asegura.

Así, censura que a Constitución negue de maneira rotunda esta posibilidade e "condene" a Galiza á "dependencia e marxinación permanente". "É necesaria a ruptura co réxime constitucional para poder mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos", di.

A dependencia política estabelecida pola Constitución propicia, desde o punto de vista da formación nacionalista, un deseño centralista. "Está demostrado, canto máis centralismo máis desigualdade. Fronte a iso a resposta é confiar nas nosas propias forzas", resaltou Rego, acrecentando que a solución aos problemas dos galegos e das galegas non chegará de Madrid.

Comentarios