Vía Galega pon en dúbida a Constitución por "negar os dereitos do pobo galego"

A plataforma tamén cuestiona o texto por estar asentado “no legado do franquismo”. Asegura que “foi produto dun acordo co réxime da ditadura para facer prevalecer as súas estruturas”.

Acto institucional decorrido o 6 de decembro de 2020, diante do Congreso. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Acto institucional decorrido o 6 de decembro de 2020, diante do Congreso. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A plataforma Vía Galega vén de cuestionar a Constitución española, que esta ponte celebra o seu día, ao considerar que é “negadora dos dereitos do pobo galego” e aínda ten vencellos co “legado do franquismo”.

Desde o punto de vista do colectivo, a Constitución acabou por converterse “nun obstáculo das reivindicacións nacionais para conseguir autogoberno”.

Nun comunicado emitido este domingo sinalan a consideración de que un dos obxectivos do acordo foi “paralizar os avances das reivindicacións nacionalistas” -non só as galegas- asentando un marco político e xurídico “españolizador e centralista”.

“A conformación do chamado Estado das Autonomías non foi mais alá dunha mínima descentralización administrativa, xa que as prerrogativas importantes continúan nas mans do Goberno do Estado co control económico e social”, lamenta.

Ao seu entender, existen carencias democráticas como “negar o dereito dos pobos a decidiren o seu futuro mediante o exercicio de autodeterminación”. Así, insiste, as nacións do Estado non poden decidir por si mesmas.

“Baixo esa Constitución condénase a liberdade de expresión e continúase a actuar contra as liberdades democráticas”, afirma, denunciando que o documento “nega Galiza como pobo e condena a nosa lingua a ser estranxeira no noso propio país”.

Legado franquista

A entidade argumenta, sobre o que se refire á memoria, que o texto “non supuxo unha ruptura co franquismo, xa que foi produto dun acordo co réxime da ditadura, para facer prevalecer as súas estruturas, desde o aparello militar e policial, o poder xudicial e o discriminatorio modelo económico”.

Nesta liña, pon en dúbida que Juan Carlos de Borbón fora o sucesor de Franco, así como doutros altos cargos e ministros da ditadura convertidos “ao constitucionalismo”.

En consecuencia, Vía Galega opina a que non hai motivos para celebrar o aniversario da Constitución.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios