23-X

Quen son as organizacións que concorren ás elección estatais pola Galiza?

42 listas ao Congreso entre as 4 circunscricións da Galiza e 37 ao Senado.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe as candidaturas ás próximas eleccións estatais do 23 de xullo. No caso da Galiza, á espera da ratificación definitiva, baixa o número de listas ao Congreso e ao Senado con respecto aos comicios do 10 de novembro de 2019.

No caso dos aspirantes ao Congreso dos Deputados, o BOE publica un total de 42 candidaturas dunha ducia de opcións políticas -fronte ás 46 de 14 partidos de hai catro anos-. Mentres, como é habitual, ao Senado concorren menos listas -37 de dez opcións políticas, tamén por baixo das 44 das últimas xerais-.

Ademais da reconfiguración da "esquerda rupturista" baixo a marca Sumar Galicia -en 2019 a marca galega da órbita foi En Común-Unidas Podemos-, a principal diferenza con respecto a hai catro anos é a ausencia das candidaturas de Ciudadanos (Cs). Non en balde, o partido laranxa xa confirmara que non se presentaría ás eleccións.

En total, son nove as opcións políticas que presentan candidatura en todas as circunscricións galegas, tanto para o Congreso como para o Senado: PP, PSdeG, BNG, Sumar Galicia, Vox, Partido Comunista dos Traballadores de Galiza (PCTG), Vox, Pacma e Por un mundo + xusto.

Se se ratifican as candidaturas publicadas, dado que agora ábrese un período para emendar posíbeis erros e irregularidades, os electores das circunscricións da Coruña e Ourense serán os que teñan máis opcións tanto para optar por unha papeleta para o Congreso como á hora de elixir os seus representantes no Senado.

E é que a opción Soberanía Cidadá só presenta lista ao Congreso pola circunscrición da Coruña, mentres Coalición de Centro Democrático concorre unicamente na provincia de Ourense -con dúas candidaturas, tanto á Cámara baixa como ao Senado-.

Logo está Frente Obreroa, que presenta lista ao Congreso nas catro provincias, mais en ningunha ao Senado.

En canto aos principais partidos, xa revelaran as súas cabezas de cartel ou os dirixentes que van en postos de saída en días pasados. Significativo é o caso do PPdeG, posto que o presidente galego, Alfonso Rueda, viuse obrigado a acometer a súa primeira remodelación de Goberno por mor de confirmarse que Francisco Conde, até a semana pasada o seu vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, sería número 1 por Lugo ao Congreso. Tamén deixou o Gobernogalego  para ir de dous por Ourense á Cámara baixa a ex conselleira do Mar Rosa Quitana.

Para o Congreso, ademais de Conde por Lugo, o resto de cabezas de lista dos populares son: o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, pola Coruña; Ana Belén Vázquez (Ourense); e Ana Pastor (Pontevedra). As listas publicadas no BOE tamén confirman a presenza da expresidenta do Parlamento galego Pilar Rojo como opción ao Senado por Albacete; e de Valentina Martínez Ferro como aspirante popular ao Congreso por Cantabria.

Os socialistas situaron no primeiro posto ao Congreso pola Coruña ao ministro de Sanidade, José Miñones; a José Ramón Gómez Besteiro, que tivo que deixar a Delegación do Goberno en Galicia para ser candidato, por Lugo; a David Regades, responsábel da Zona Franca, por Pontevedra; e Marga Martín, a que fose tenente de alcalde de Francisco Rodríguez, por Ourense.

Pola súa banda, o Consello Nacional do BNG aprobou as súas listas o venres pasados: Néstor Rego encabeza a do Congreso da Coruña, Carme dá Silva (Pontevedra), Noa Presas (Ourense) e Dani Castro (Lugo).

En Sumar Galicia, o principal referente do espazo na comunidade, Marta Lois encabeza a candidatura ao Congreso pola Coruña; José Antonio Rodríguez Añón (Lugo); Víctor Ferreiro (Ourense); e Verónica Martínez Barbeiro (Pontevedra).

O calendario publicado polo Ministerio do Interior recolle que, unha vez realizado o trámite de corrección de irregularidades previsto por lei electoral, as candidaturas serán proclamadas polas xuntas electorais provinciais o l26 de xuño. O BOE publicará as listas proclamadas ao día seguinte.

Comentarios