Feixoo aboca Rueda á súa primeira crise de Goberno

Francisco Conde liderará a lista do PP por Lugo nas eleccións estatais.
Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O vicepresidente primeiro do Goberno galego e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, será o cabeza de lista do PP por Lugo nas eleccións estatais do 23 de xullo. O seu retorno a Madrid obriga o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a afrontar a súa primeira crise de Goberno. A saída de Conde do Executivo prevíase desde a elección de Núñez Feixoo como líder do PP español.

A carreira política de Francisco Conde está ligada a Alberto Núñez Feixoo, a quen o une unha longa amizade persoal desde a primeira etapa madrileña do actual líder dos populares. Precisamente, foi este quen o reclamou en 2009 para formar parte do seu equipo de asesores, nomeándoo en 2012 como conselleiro de Economía e Industria en substitución de Javier Guerra.

A proximidade a Feixoo chegou a situar Conde na carreira da sucesión á Presidencia da Xunta. Porén, malia contar co apoio fechado do daquela mandatario galego e do seu círculo de confianza, moi particularmente da secretaría xeral de Medios, Mar Sánchez, e de ser nomeado vicepresidente da Xunta da Galiza en 2020, a súa falta de peso orgánico e de apoio entre a militancia deixouno sen posibilidades tras a marcha de Núñez Feixoo.

A saída de Conde do Goberno galego prodúcese nun momento onde a Consellaría de Economía, Industria e Innovación rexistra moitos proxectos pendentes. A este respecto, destaca o estado de parálise na tramitación das propostas ligadas ao programa Next Generation así como diversas iniciativas no ámbito enerxético. Estas circunstancias e a proximidade da cita lectoral das galegas avanza un relevo "procedente" do seu propio equipo.

Rueda saudou a decisión e abriu a porta a unha crise de Goberno máis ampla no seu Gabinete. Nesta liña, afirmou que "agora  se abre unha oportunidade. O que podo dicir é que Paco [Francisco Conde] vaise. E veremos, porque hai xente moi boa no Goberno e moitas oportunidades para que, se alguén o desexa, poida ter outras vías. Agora falarei con todos os membros do Goberno, non están fechadas as listas aínda".

As candidaturas dos populares galegos ao Congreso dos Deputados serán lideradas, ademais de por Conde, por Miguel Tellado na Coruña, Ana Belén Vázquez en Ourense e Ana Pastor en Pontevedra. Se o primeiro deles fai parte do equipo máis próximo a Núñez Feixoo, as outras dúas levan ocupando prazas como deputadas durante varais lexislaturas.

As listas do PP polas circunscricións galegas están aínda por fechar pero danse por seguros varios nomes. Un deles é o do coruñés Álvaro Pérez, persoa do círculo máis próximo de Feixoo e que deu o salto a Madrid para integrarse no seu equipo o pasado ano. Neste grupo, atópase, tamén, Jaime de Olano, deputado por Lugo, ligado no seu momento a Pablo Casado, vinculado a Viveiro pero residente en Madrid.

Malestar

A elaboración das listas para as estatais están a provocar malestar nas direccións do Partido Popular na Galiza, ao non contar con elas desde Madrid para confeccionar as candidaturas e mesmo ao impor persoas que non contan co apoio dos aparatos provinciais do partido, como é o caso do propio Jaime de Olano en Lugo.

Comentarios