Laxe defende as listas galegas do 23-X "pensadas para gobernar" e que avala Ferraz

Deputados próximos a Gonzalo Caballero, ex secretario xeral do PSdeG, foron apartados das listas socialistas.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, este sábado 10 de xuño no Comité Confederal do PSOE. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, este sábado 10 de xuño após o Comité Confederal do PSOE. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, defendeu que as candidaturas das catro circunscricións galegas para as eleccións estatais do 23 de xullo están "pensadas para gobernar" e destacou que serán aprobadas este sábado polo Comité Federal do PSOE, despois de que o comité de listas galego retocase a proposta que fixo Ourense.

Concretamente, a comisión federal de listas apoiou esta sexta feira as candidaturas presentadas polo PSdeG para as eleccións estatais do 23-X, nas que a dirección dos socialistas galegos situou á ex deputada Noela Blanco como número dous e a Alfredo García, alcalde do Barco (comarca de Valdeorras), no número tres, postos que ocupaban Adolfo Pérez Abellas e Uxía Tizón nas que propuxera Ourense.

Deste xeito, quedan apartados da lista os que foron deputados nesta lexislatura que finaliza, ambos os parlamentarios próximos ao secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e ao que fora secretario xeral do PSdeG e actualmente deputado autonómico, Gonzalo Caballero. Con todo, Villarino continúa como cabeza de lista ao Senado, tendo en conta que os 'número un pola provincia si foran acordados entre a dirección provincial e a galega.

"Un gran cadro de persoal"

En declaracións aos medios en Madrid, Laxe defendeu que o PSdeG presenta aos comicios do próximo 23 de xullo "un gran cadro de persoal de compañeiros que conforman as candidaturas ás estatais". "Teño que dicir que o PSOE presenta as mellores candidaturas posíbeis", aseverou, afirmando que o fai "co espírito de mobilizar aos votantes de esquerda", porque "o que está en xogo é o modelo social".

"Imos decidir que Goberno do Estado queremos e que modelo social queremos, no que o PP aposta polos recortes e retroceso e o PSOE por seguir avanzando socialmente, por seguir mellorando a vida das familias, a vida dos pensionistas e por mellorar en xeral as condicións de vida de todos os cidadáns", aseverou Laxe.

O dirixente socialista galego salientou que se trata de elixir "que país queremos". "O 23 de xullo é un bo momento para decidir que tipo de país queremos, nós apostamos por un modelo avanzado, protexendo as familias, axudando aos maiores, pensando nos máis novos que teñan oportunidades", salientou, para situar "enfronte unha opción de retroceso que xa coñecemos cando gobernou Raxoi".

Cambios en Ourense

Preguntado polos cambios nas propostas de Ourense, Laxe defendeu que o PSOE "vai probar hoxe (por este sábado) as candidaturas propostas pola Comisión Executiva Nacional Galega".

Neste sentido, dixo que son as que "representas socialmente mellor a calidade de vida dos cidadáns, a aposta de presente e futuro, candidaturas socialistas que están pensadas para gobernar, para que non mire para atrás este país".

Comentarios