A lei de acompañamento dos orzamentos "furta" o debate parlamentario: 210 modificacións de leis pola porta traseira

A Xunta modificou desde 2009 e até agora 210 leis por un procedemento de tramitación acelerada que furta o debate en sede parlamentaria. Un mecanismo ao que o Goberno galego recorre desde o ano 2009 —coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta— a través da coñecida como Lei de acompañamento.
Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Parlamento acollerá para a semana o debate dos orzamentos. (Foto: Europa Press)

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta, tamén coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, naceu coa finalidade de se usar para mudar aquelas cuestións relacionadas coa afectación aos ingresos e gastos dos presupostos. Porén, a súa utilización durante estes anos polo Goberno galego semellou máis ser unha ferramenta para modificar e mudar leis a través dun procedemento de tramitación acelerada e sen debate. Unha ferramenta que se volveu activar en 2009, coa chegada do PP de Alberto Núñez Feixoo á Xunta, após non se empregar durante o Goberno de coalición do PSdeG e o BNG.

A Lei de acompañamento do proxecto de orzamentos para 2023 contempla modificacións e cambios en 35 normas, algunhas delas, como a Lei do solo da Galiza, xa ten unha presenza habitual. Desde que se aprobou esta, en 2016, leva unha decena de modificacións a través da Lei de medidas fiscais e administrativas.

Na lei de acompañamento de 2023 a Xunta introduciu a bonificación fiscal de 50% para o imposto de patrimonio das grandes fortunas, así como estabelece un cambio para as modalidades do xogo do bingo diferentes ao electrónico co que os bingos pagarán 40% menos de impostos en 2023. Abrir a porta a novos parques eólicos afectados pola moratoria aprobada en 2021 é outro deses cambios "pola porta de atrás" que figuran nesta lei.

Hai, ademais, modificacións na Lei de caza — eliminar a obriga imposta con carácter xeral de que os axexos se practiquen coa axuda dun garda ou guía— ou na Lei de protección e benestar dos animais, así como na de montes ou no decreto do Plan director da Rede Natura 2000 —permite rozas e queimas en determinados hábitats protexidos—.

Saltar trámites

Se esta lei de acompañamento contempla cambios en 35 leis, a correspondente aos orzamentos en vigor, 2022, estabeleceu mudanzas en 27. Cambios como o de flexibilizar a repoboación forestal con especies non autóctonas ou fixar unha bonificación de 25% no imposto de patrimonio —que na lei de acompañamento para 2023 se eleva a 50%—.

Cuestións que con este mecanismo, validado coa aprobación dos orzamentos, habilitaron a Xunta a saltar o trámite parlamentar en cada un destes cambios normativos.

Casinos, bingos e xogos

Un total de 25 leis foron cambiadas mediante a lei de acompañamento dos orzamentos de 2021. Entre elas, as bonificacións fiscais a casinos e bingos. Coa desculpa de "paliar os efectos da Covid", o Goberno galego rebaixou impostos ao xogo a través da Lei de acompañamento.

Trinta foron as leis que se cambiaron no marco da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2020. Entre elas, a exención de impostos as herdanzas até un millón de euros ou a rebaixa de tributos a quen compre unha segunda vivenda en territorio rural da Galiza.

A Lei de acompañamento correspondente ao exercicio 2019, pola súa parte, incluía mudanzas en algo máis dunha vintena de leis e decretos. Desde 2009 até ese ano, 2019,  as normativas e leis modificadas a través desta vía foron 70.

As emendas do BNG e do PSdeG propoñen mobilizar máis de 2.400 millóns

O Goberno galego mantén a súa folla de ruta para que o proxecto dos Orzamentos da Xunta para 2023 sexa aprobado en decembro. O debate das contas comezará nos vindeiros días na Cámara e tanto o BNG como o PSdeG xa amosaron as súas cartas a este respecto. A formación nacionalista propón mobilizar 1.764 millóns de euros destinándoos a partidas "para axudar a quen máis o precisa, reforzar os servizos públicos e apoiar o sector produtivo", formulando tamén unha suba dos impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas.

Desde o PSdeG anunciaron que presentarán por volta de 164 emendas coas que queren que se varíe o destino de 766 millóns de euros, pasándoos das partidas fixadas polo Goberno a outras, nomeadamente en sanidade, educación e innovación.

Comentarios