A quen benefician e a quen prexudican os orzamentos galegos?

O orzamento é a concreción práctica das prioridades políticas dun Goberno. As actuacións nel recollidas dan conta dos intereses que defende a forza política que os propón. Achegamos unha relación dos colectivos e sectores  beneficiados polas contas públicas galegas.

rueda corgos
photo_camera Alfonso Rueda e Miguel Corgos presentando a proposta de orzamento para 2023. (Foto: Nós Diario)

O prólogo dos orzamentos galegos veu marcado polo anuncio do presidente, Alfonso Rueda, de rebaixar os impostos as 7.646 persoas máis ricas da Galiza. Así, a Lei de medidas fiscais e administrativas, fixa unha “bonificación do imposto sobre o patrimonio”, onde estabelece que “sobre a cota íntegra do imposto aplicarase unha bonificación de 50% do seu importe”.

A proposta implica perdoar arredor de 34 millóns de euros as maiores fortunas do país. A redución deste partida de ingresos vai provocar unha maior carga fiscal para as rendas baixas e medianas é un incremento do endebedamento  para a totalidade da poboación galega. Así, as cousas o Goberno galego prevé situar a débeda publica para 2023 en 12.250 millóns de euros, o que implica un aumento, en relación co exercicio de 2022, de 266 millóns de euros.

A sanidade pública é unha das grandes damnificadas nas contas deste ano. Nun contexto de aumento das listas de agarda en Atención Especializada, con tempos de espera de até 15 días en Atención Primaria, a Xunta da Galiza sitúa o investimento neste primeiro nivel sanitario 300 millóns por baixo das contas públicas de 2009, as últimas presentadas polo Goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas.

A sanidade privada

Os retallos á sanidade pública contrasta co apoio á privada. Así, a Xunta finánciaa en 2023 con 213,6 millóns, practicamente cinco millóns máis que na pasada anualidade, cando se situou arredor de 209 millóns de euros segundo os datos achegados polo Consello de Contas.

O oligopolio eléctrico volve  gañar nestas contas públicas. A Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos representa a derrogación práctica da moratoria eólica acordado no orzamento de 2022, establecendo que “o Consello da Xunta de Galiza e, de xeito motivado, poderá reabrir temporalmente o prazo para presentar novas solicitudes utilizando como referencia os megawatts en trámite”.

A modificación lexislativa do Goberno galego vai máis alá e abre a porta a desenvolvementos eólicos en espazos actualmente non autorizados, como a Rede Natura 2000. Neste sentido, os orzamento disponse autorizar “aqueles proxectos eólicos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galiza, a proposta da consellería competente en materia de enerxía”.

As políticas de vivenda

A vivenda pública non será unha prioridade para este Goberno en 2023, malia a alza do prezo dos alugueres e os problemas de amplas capas sociais para acceder as mesma. A esta materia, a Xunta dedica algo máis de 130 millóns de euros, 80 millóns de euros menos que en 2009. As achegas sitúanse na liña do investido polo Goberno de Feixoo que entre 2015 e 2020 só edificou 40 vivendas de promoción pública.

Un exercicio máis, as empresas do xogo saen favorecidas do proxecto de orzamentos. Se no pasado exercicio a Xunta da Galiza aprobou unha bonificación de 20% nos impostos de casinos e bingos e de 30% nas maquinas comecartos, nesta anualidade o PP propón unha nova rebaixa de 20% para os 11 bingos abertos na Galiza.  

  

Comentarios