O primeiro ministro de Lituania recoñece o dereito de autodeterminación de Catalunya

Algirdas Butkevicius, que ocupa a presidencia en quendas da UE, recoñeceu nunha entrevista "o dereito de autodeterminación dos pobos" e sumouse a Letonia no seu apoio ao soberanismo catalán. 

Catalunya

É o segundo Estado membro da Unión Europea en recoñecer o dereito do pobo catalán a se autodeterminar após a multitudinaria Diada que congregou a millóns de persoas nunha cadea humana a prol da independencia. 

Para o primeiro ministro lituano, que aliás ocupa na actualidade a presidencia da Unión Europea --de carácter rotativo-- asegurou nunha entrevista á ANC que "cada país debe atopar o seu propio camiño" e ten "dereito á autodeterminación". Algirdas Butkevicius amosouse, asemade, "moi contento" co resultado deitado pola Vía Catalana que xuntou a máis dun millón de persoas nos actos da Diada e subliñou que "o camiño cara á independencia de cada país" debe facerse polas "vías legais". 

O Ministerio de Exteriores chamou á orde ao embaixador letón após o primeiro ministro do país amosar o seu apoio á independencia de Catalunya

Para o primeiro ministro de Lituania, é importante que os procesos independentistas teñan en conta "a lei internacional" e lembrou que há de debaterse --no caso catalán-- "dentro do Estado español". Desta maneira, Algirdas Butkevicius, sumouse ás declaracións do primeiro ministro de Letonia quen nos últimos días se posiciou a favor do recoñecemento dun Estado catalán

Esta actitude, valeulle ao embaixador letón no Estado español a chamada do Ministerio de Asuntos Exteriores non conforme coas afirmacións vertidas polo mandatario. Margallo convocou para a vindeira segunda feira unha xuntanza co embaixador de Letonia á fin de amosarlle a súa disconformidade formal coas declaracións de Valdis Dombrovskis.

O Estado español rexeita o referendo e di que actuará con "firmeza" 
Pola súa banda, o executivo de Mariano Rajoy non mudou a súa actitude a respeito do proceso de independencia catalán. No entanto, amosou certas mudanzas ao asegurar que respondería nas vindeiras 48 horas --podería ser esta mesma fin de semana segundo informa La Vanguardia-- á proposta presentada polo Govern da Generalitat na que demanda a convocatoria dun referendo de autodeterminación. 

A número dous do Goberno español abriu a porta a unha negociación do modelo de financiamento mais rexeitou o referendo de auto-determinación

En comparecencia de imprensa após o Consello de Ministr@s Soraya Sáenz de Santamaría --número dous do Goberno español-- foi taxativa ao asegurar que o Estado descarta reformar a Constitución española e o modelo territorial nela recollido. "Non podemos facer outra cousa que cumprir e facer cumprir a Constitución" afirmou a vicepresidenta qen acrecentou "o referendo non entra no marco" deseñado pola Carta Magna. No entanto, abriu a porta a unha posíbel negociación do modelo de financiamento catalán condicionando así un posíbel diálogo coa Generalitat ao marco económico. Iso si, puntualizou que Catalunya recibiría o mesmo tratamento nunha negociación 'multi-lateral' que calquera outro territorio.

Artur Mas demandou aos grupos parlamentares un posicionamento "unitario" e "firme" perante a negativa española

Para calmar os ánimos entre os sectores máis radicais do Partido Popular, Sáenz de Santamaría dixo que actuarían con "serenidade" e "firmeza" perante o reto lanzado polo pobo catalán o pasado 11 de setembro e que en ningún caso lle recoñecerían o dereito de autodeterminación.

Neste senso, o president catalán, Artur Mas, demandou ás forzas políticas do país unha posición "unitaria e consensuada" fronte ao "non" de Madrid. Mas demandará aos grupos parlamentares unha resposta "firme e serena" que há de corresponderse co clamor popular expresado na Diada. E é que Catalunya continúa avanzando a prol dunha convocatoria electoral para o vindeiro 2014.

Máis en Països Catalans
Comentarios