Falece Muriel Casals, faciana do proces soberanista

A deputada de Junts Pel Si e presidenta de Òmnium Cultural faleceu na madrugada do domingo após non superar os graves danos que lle producira o atropelo dunha bicicleta o 30 de xaneiro.

[Imaxe JxS] Muriel Casals
photo_camera [Imaxe JxS] Muriel Casals

Nada na localidade francesa de Avinyó, Muriel Casals regresou a Catalunya sendo unha nena. Creceu en Sabadell e introduciuse na política cando estudaba Económicas na Universitat de Barcelona. Foi alí onde contactou co PSUC, partido no que militou. Porén, a súa conciencia nacionalista foi afastándoa desa formación.

Autora de numerosas obras sobre o pasado industrial de Catalunya e o papel da muller no mundo laboral, Muriel Casals compaxinou a súa docencia na Universitat Autónoma de Barcelona co seu activismo social. Foi en 2008 cando entrou en Òmnium Cultural. Dous anos após gañaba con máis 600 votos unhas eleccións internas que lle deron a Presidencia da entidade. Precisamente, ese 2010 foi o ano no que o independentismo catalán demostrou a súa fortaleza coa manifestación do 10 de xullo, convocada após o Tribunal Constitucional recortara o Estatut.

A ANC e Òmnium Cultural organizaron as mobilizacións en defensa da independencia desde 2012

Muriel Casal foi unha das caras do tándem independentista que formaba con Carme Forcadell, presidenta da ANC que, con Òmnium Cultural, organizaron as mobilizacións en defensa da independencia desde 2012 até 2015. Nas eleccións do pasado 27 de setembro, foi elixida terceira candidata da lista de Junts Pel Si. Un mes máis tarde, tomaba posesión como deputada da XI lexislatura do Parlament.

Comunicado de Junts pel Si e Òmnium Cultural

Foi Junts Pel Si quen, pouco despois das 7h, emitía un comunicado no que anunciaba o falecemento de Muriel Casals ás 01.06h no Hospital Clinic de Barcelona. Levaba 15 días tratando de superar os graves danos provocados polo atropelo dunha bicicleta o 30 de xaneiro. O grupo co que Casals concorría ás eleccións catalás sinalou que a historia recente de Catalunya non sería a mesma sen a súa achega.

Pola súa banda, Òmnium Cultural salientou que: "seremos fieis á túa loita: a liberdade do noso país".

Máis en Països Catalans
Comentarios