Un imitador do president catalán, Carles Puigdemont, puido falar na mañá desta quinta feira por teléfono co presidente español, Mariano Rajoy, a través da emisora Ràdio Flaixbac. Un membro do programa 'El matí i la mare que el va parir' fíxose pasar por Puigdemont e telefonou A Moncloa para pedir se lle podían pasar con Rajoy. Para a súa sorpresa, a secretaria informáballe que nuns minutos podería pasarlle a chamada e así foi, dando lugar a unha conversa entre o presidente español e o imitador do president catalán.
O diálogo foi en ton cordial e Rajoy mesmo comentou ao seu interlocutor que se coñeceran na inauguración do AVE en Girona cando era alcalde. Mesmo, na conversa, Rajoy chegou a dicir que chamaría a segunda feira, 25 de xaneiro, ao seu interlocutor para fixar unha data para se reunir porque cría que ía ter a “axenda moi libre”.
Cando os membros do programa revelaron en antena a Rajoy que todo era unha brincadeira o presidente español en funcións respondeu: “Isto non é serio”, mais non colgou.