Letonia tórnase no primeiro Estado da UE en afirmar que recoñecería a unha Catalunya independente

A Via Catalana e os 1,6 millóns de participantes na Diada máis independentista xa están a provocar as primeiras reaccións na area internacional. Letonia emerxeu onte como o primeiro Estado da UE que manifesta a súa disposición a recoñecer a unha Catalunya independente.

Letonia
photo_camera O primeiro ministro letón, Valdis Dombrovskis

En declaracións á Axencia Catalá de Noticias (ACN), o primeiro ministro de Letonia, o conservador Valdis Dombrovskis, dixo que a Vía Catalá é "unha mensaxe moi poderosa" á que hai que lle emprestar atención.

Na súa opinión, o Goberno español debería "estudar opcións" perante o escenario aberto polo clamor independentista en Catalunya.

Inquerido directamente sobre se Letonia recoñecería a unha Catalunya independente, Dombrovskis contestou nestes termos: "Se hai lexitimidade no proceso, diría, teoricamente falando, por que non?". O primeiro ministro letón afirmou que a "vía báltica" foi no seu momento decisiva para a independencia porque "atraeu a atención" do mundo.

O primeiro ministro letón afirma que a Vía Catalá enviou ao mundo "unha mensaxe moi poderosa"

"Se hai unha clara vontade do pobo e unha clara demanda a prol dun referendo, paga absolutamente a pena emprestarlle toda a atención e estudar as distintas opcións sobre como abordar o asunto", remarca o primeiro ministro letón, o que máis tempo leva no cargo desde o seu país alcanzar a independencia no ano 1991.

Diplomático, recusa valorar os "argumentos legais da Constitución" que alegan os partidos españois para se posicionar contrarios á independencia de Catalunya, porén advirte de que a Diada voltou a oferecer "unha mensaxe moi poderosa".

"A estas alturas o que podo dicer é que é unha mensaxe moi poderosa, unha cousa que nós experimentamos no noso propio pasado", alegou.

Comentarios