Lista de consenso da CUP impulsada por Quim Arrufat e sen 'carnés'

A candidatura para o secretariado nacional da formación independentista non englobaría militantes de Poble Lliure e Endavant.

Debate Nacional CUP
photo_camera Debate Nacional CUP

Xa hai lista de consenso da CUP para renovar o secretariado nacional da formación após a 'crise' que sufriu hai unhas semanas, con varias demisións en bloque. Tomou forma, pois, o compromiso que o ex-deputado independentista Quim Arrufat asumira naquel tenso momento de renuncias no SN para intentar elaborar unha lista de consenso. Arrufat artellou nestas semanas unha candidatura de 11 persoas, entre as que hai nomes como o de Lluc Salellas, irmán do deputado Benet Salellas, ou Natàlia Sánchez, concelleira de Figueres.

Diversos medios cataláns afirman, apontando a fontes da CUP, que na candidatura non hai persoas con carné de Poble Lliure nin Endavant, as dúas principais organizacións no seo da Candidatura d'Unitat Popular e cuxas diferenzas sobre o 'procés' marcaron o posicionamento en cuestións como a investidura de Artur Mas ou o debate dos orzamentos. O criterio que se seguiría para conformar esta lista sería o de procurar nomes de consenso ao tempo que obter unha lista representativa territorialmente. Fontes da CUP consideran que esta candidatura logrará ese 65% de apoio da militancia, que é o respaldo mínimo que marca a ponencia organizativa.

O SN está integrado por 15 persoas: ás 11 da candidatura colectiva hai que engadir 4 nomes das candidaturas individuais. Para esta praza optarían diversos nomes, segundo fontes da CUP, algunhas delas con experiencia no Secretariado Nacional. Esta sexta feira oficializaranse as candidaturas. Na segunda quincena de xullo presentaranse ás asembleas territoriais e durante a primeira semana de agosto a militancia cupaire poderá votar telematicamente. O 7 dese mes coñeceranse os nomes que integran o novo SN da formación independentista.


 

Máis en Països Catalans
Comentarios