O novo goberno grego elevará o salario mínimo e vetará os despexos das primeiras vivendas

O primeiro ministro grego presentou o seu programa de Goberno, que aforrará en coches oficiais e gasto en seguridade dos altos cargos e rexeita “unha economía baseada nunha man de obra barata e sen dereitos”. Tampouco permitirá "nin un desafiuzamento da primeira vivenda".

tsipras
photo_camera Tsipras

O primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, anunciou este domingo durante a presentación do seu programa de Goberno un plan de reforma das administracións públicas que na súa primeira fase durará seis meses e que contempla importantes reducións do gasto en seguridade, avións ou coches a disposición dos cargos públicos. Tamén afirmou que non permitirá os despexos de primeira vivenda.

Así mesmo, no ámbito laboral, o esquerdista contrario á política de austeridade imposta polos mercados defendeu que a economía grega non pode fundamentarse nunha man de obra barata, "sen dereitos", senón que necesita innovación e tecnoloxía. Por iso, reiterou a súa promesa de reinstaurar a negociación colectiva e anunciou que elevará progresivamente o salario mínimo ata os 751 euros para 2016. Noutras políticas sociais, como as pensións, Tsipras prometeu que non se vai a elevar a idade de xubilación nin se baixarán as pensións. "Imos subir as pensións máis baixas desde finais deste ano", asegurou.

"Vender bens nacionais para pagar unha débeda insostíbel é delito" afirma o líder de Syriza

Canto ás empresas do sector público, o líder de Syriza destacou que "todos os traballadores que sexan despedidos ilegalmente, serán readmitidos con salarios a cargo dos actuais orzamentos". Ademais, anunciou a creación dunha nova radiotelevisión pública e a restauración da Policía de barrio. Estas novas medidas levaranse a cabo sen necesidade de vender empresas públicas. "Vender bens nacionais para pagar unha débeda insostíbel é un delito. Non imos vender a nosa riqueza natural, as redes nin as infraestruturas", apuntou.

Máis en Mundo
Comentarios