Obama confirma que os EUA explorarán a proposta rusa para Siria

De maneira oficial e desde a propia Casa Blanca. Así confirmou Barack Obama a decisión dos EUA de aparcar o ataque militar para explorar a proposta rusa para Siria. Sen embargo, asegurou que non retiraría o exército até comprobar que Siria poña as súas armas químicas baixo o control internacional.  

Obama no seu discurso
photo_camera Obama no seu discurso

O presidente, Barck Obama confirmou a través dun discurso emitido desde a Casa Blanca que os EUA explorarán a proposta rusa para Siria, nun cambio de liña con respecto ao ataque militar que se  daba por feito hai tan só dous días. 

O presidente americano asegurou na súa intervención que el mesmo solicitara ao Congreso que aprazase a votación sobre o ataque a Siria que estaba prevista para esta cuarta feira. Sobre a decisión de Obama pairaba a hipótese dunha posíbel derrota sen precedentes na votación congresual, o que o situaría nunha situación crítica de grande debilidade política. O presidente americano confirmou á cidadanía a súa decisión desde a Casa Blanca mais non escolleu o despacho Oval que sería o escenario solemne para comunicar unha decisión como o ataque militar.

Obama manifestouse decidido a explorar unha solución pacífica e apostou por desenvolver a proposta rusa de abandonar o ataque militar se o goberno de Asad pon as súas armas químicas baixo control internacional. 

Sen mover o exército

Ábrese un novo tempo para a resolución da situación que puxera os tanques en acción mais non por iso Obama modificou as posicións militares sobre Siria. Afirmou no seu discurso, pola contra, que solicitou ao Exército que “permaneza na posición actual para manter a presión sobre Asad” e, se o goberno non respondera ás condicións impostas poder responder de maneira inmediata. Asegurou, no entanto, que non enviarán ningún soldado a Siria e manifestou que é coñecedor de que os americanos non queren máis guerras.  

“Cando os ditadores cometen atrocidades contan con que todo o mundo mire para o outro lado” dixo o presidente defendendo a presión internacional e, en concreto, o protagonismo americano xa que, segundo engadiu, “se non actuamos, o réxime de Asad non atopará límite para volver usar as súas armas químicas”.  “Este país está enfermo e canso de guerras. Non vou poñer soldados estadounidenses sobre o terreo en Siria. Non quero unha acción sen un fin aberto como Irak. Acabar co uso de armas químicas e degradar as capacidades que ten Asad é o fin” dixo. 

O discurso previsto para anunciar o ataque militar, virou de dirección mais o presidente optou por se dirixir aos EUA para comunicar de maneira oficial a decisión tomada e o seu aliñeamento coa proposta rusa, saída que hoxe está sobre a mesa. Obama pronunciaba o seu discurso desde a Casa Blanca tan só unha xornada despois de que se multiplicara diante dos medios de comunicación e defendera diante da CNN a súa preferencia por unha saída “sen recorrer ao uso da forza”. 

“Non temos que ser os policías do mundo,prefiro unha solución pacífica” dixo Obama que, ao tempo, se manifestou partidario do control americano da zona, despois de acusar máis unha vez ao goberno de Siria de “violar as reglas” de prohibición de armas químicas o pasado 21 de agosto.  

Por outra banda, EUA e Rusia negociarán esta quinta feira sobre a proposta. O secretario de Estado, John Kerry sinalou a través dunha videoconferencia na rede que xa tivo un primeiro contacto co homólogo ruso que continuará o xoves analizando os detalles da proposta. Kerry manifestouse partidario de explorar as posibilidades deste proceso, preferíbel á intervención militar que, malia iso, non quixo desbotar. 

Kerry asegurou que, para que esta nova vía se materialice compre que o goberno de Asad procure o acceso sen límites ás instalacións de maneira “transparente, implementábel e verificábel” e coa maior celeridade posíbel. Teñen, segundo dixo, que “presentar a fórmula pola que estas armas poderán ser transferidas a control internacional e destruídas”.

Máis en Mundo
Comentarios