domingo 23.02.2020
ENTRE ELAS, 17 CRIANZAS

Morren, cando menos, 44 refuxiadas tras un novo naufraxio no mar Exeo

Nova traxedia no mar Exeo. Desta vez, son 44 as refuxiadas que morreron após naufragaren dúas embarcacións perto das illas gregas Farmakonisi e Kalolimnos. Entre as falecidas, hai 17 crianzas e hai un número incerto de desaparecidas.

refuxiados
refuxiados

Dúas embarcacións naufragaron esta sexta feira, 22 de xaneiro, no mar Exeo, nunha zona próxima ás illas gregas de Farmakonisi e Kalolimnos. O naufraxio tivo lugar após a colisión dunha das embarcacións contra unhas rochas, un choque que provocou o afundimento.

Como resultado do sinistro, hai 44 persoas refuxiadas mortas, entre elas 17 crianzas. Aínda que a operación de resgate salvou 26 vidas, hai un número indeterminado de persoas desaparecidas.

Segundo os dados da policía grega, o 34% das refuxiadas que chegaron a Grecia na primeira quincena do ano son crianzas. As cifras da Organización Internacional para as Migracións (OIM) apuntan a que en xaneiro de 2016 se bateu unha triste marca de persoas falecidas no mar tratando de chegar a Europa. Estes dados apuntan a que no que vai de mes perderon a vida 139 persoas respecto do mes de xaneiro deste ano, fronte ás 82 mortes de xaneiro de 2015 e fronte ás 12 de xaneiro de 2014.

No que vai de mes morreron 139 persoas no mar tratando de chegar a Europa

A ACNUR, o Alto Comisariado das Nacións Unidas para as Refuxiadas, calcula que os conflitos de Oriente Medio e África provocaron que unha de cada 122 persoas sexa na actualidade vítima de desprazamento forzoso tras ser obrigada a abandonar o seu fogar. Ademais, advirte de que máis dun millón de refuxiadas chegaron a Europa por mar só en 2015.

 Malia as cifras expostas, a UE segue sen acordar unha política común para xestionar a chegada de millóns de persoas que foxen da guerra e da pobreza. De feito, o fracaso da política da UE provocou que das 160.000 persoas que os 28 países acordaran realoxar após os intensos debates internos tan só se reubicaran 272, tal e como admite a Comisión Europea.

comentarios