A grande votación grega

Grecia acode ás urnas baixo a mirada de toda Europa e coa formación de esquerdas Syriza como favorita, mesmo con opcións de alcanzar a maioría absoluta. A dereita de Nova Democracia é a esperanza das elites da UE, que intentaron influír na poboación cando se convocaron eleccións.

syriza-crop
photo_camera Tsiripas

Unha formación de esquerdas que se opón ás políticas de austeridade e que, malia ter rebaixado o ton do seu programa, promete cambiar radicalmente Grecia, o país que peores consecuencias está a sufrir polas imposicións da Troika e os mercados, que a manteñen baixo unha terríbel crise económica que dura xa seis anos e Syriza, a grande favorita segundo as sondaxes, quere reverter. 

@s comunistas do KKE din que non pactarán con Syriza e apostar por saír do euro namentres exista a terríbel incógnita do resultado dos poderosos neo-nazis de Amencer Dourado

A coalición liderada por Alexis Tsiripas mesmo aspira á maioría absoluta. Defínese como “esquerda radical” a pesar de que nas últimas semanas -ante a inminencia da vitoria- evitou promesas que estaban no seu ADN como negarse a pagar a débeda ilexítima ou saír do euro. Pero o seu programa está aínda lonxe de gustar nas elites políticas e económicas da UE, que se ben rebaixaron a súa hostilidade ultimamente desde o principio enviaron mensaxes de medo para evitar o triunfo de Syriza. A súa aposta é Nova Democracia, a formación gobernante, que afronta malas perspectivas. 

En caso de que Syriza confirme o seu éxito pero teña que buscar alianzas para completar goberno, dúas son as opcións máis claras. Descartando ao afundido Pasok -o PSOE grego- as posibilidades pasan polo centrismo de To Potami -que aspira a terceira forza- e @s comunistas do KKE, que non obstante teñen afirmado que non pactarán con Tsiripas xa que consideran que o seu programa ten cedido demasiado ante a Troika. Eles si propoñen saír do euro, por exemplo. 

Europa mira a Grecia, nunhas eleccións -adiantadas ante a imposibilidade de gobernar da dereita- que tamén provocan espantosas dúbidas respecto ao bo resultado que poidan volver obter os neo-nazis de Amencer Dourado a pesar de que a súa cúpula está en prisión. Pero a disputa polo poder xógase entre Syriza e Nova Democracia. Con vantaxe para os primeiros. E influencia por toda Europa, mesmo no Estado español, onde Rajoy apoiou á dereita de forma directa -mesmo con viaxe a Grecia- e pode verse afectado pola súa posíbel derrota. 

Máis en Mundo