ESTADO

As CUP buscan alianzas soberanistas no Estado para as Europeas

Segundo o diario Deia, as Candidaturas d'Unitat Popular catalás xa contactaron con Sortu e estudan manter conversas con outras organizacións da esquerda alternativa do Estado de cara a participar dunha posíbel candidatura conxunta.

As Candidaturas de Unitar Popular (CUP), formación de esquerda alternativa e independentista dos Países Cataláns con tres deputad@s no Parlament de Cataluña, veñen de iniciar conversas con outras organizacións do Estado coas que comparten ideario de cara a formar unha candidatura conxunta ás eleccións europeas de 2014. Segundo o diario bilbaíno Deia, as CUP xa mantiveron conversas nese sentido con Sortu, o novo partido legal da esquerda abertzale vasca.

Segundo estas informacións, Sortu pensa traballar para as europeas dentro da coalición EH-Bildu, xunto a Aralar, Alternatiba e Eusko Alkartasuna e con eles falará sobre posíbeis pactos. Polo tanto, non descarta aliarse tamén con organizacións soberanistas de Galiza e Cataluña, onde poderían entrar BNG ou ERC, se ben semella complicado que ERC e CUP compartan candidatura. Sortu recoñece que mantén boas relacións coa CUP -onde traballa o Movement de Defensa da Terra- “desde hai décadas”.

En Galiza, o BNG manexa a opción de formar parte dunha candidatura xunto ao nacionalismo vasco e catalán ou ben presentar unha lista galega xunto a Anova e CxG. Anova tamén analiza como se presentará a eses comicios, ben coa fórmula galega con Bloque e Compromiso ou xunto a outras organización do Estado, ben as soberanistas, ben as federalistas.

Pola súa parte, as CUP -que as enquisas sitúan en ascenso, malia que menor ao de ERC- xa amosou a súa negativa a pactar con formacións que non “defendan a liberación dos pobos e un profundo cambio social”.

Máis en Mundo
Comentarios