Máis requisitos e máis duros para cobrar o paro

O BOE publica este sábado a letra pequena dos recortes: persoas en situación de desemprego non poderán viaxar, sexa cal for o motivo ou o periodo temporal, e terán que asumir a totalidade da cotización á Seguridade Social mentres cobren; as axudas á emancipación caen un 30%; impóñense lindes na renda dos 426€; e elimínase o subsidio especial para maiores de 45 anos que esgotaren a prestación contributiva
photo_camera Oficina de emprego en Galiza. Imaxe: Galipedia

Na letra pequena dos recortes anunciados polo Goberno español aparecen dúas medidas que castigan especialmente a poboación moza. Dunha banda a dereita retirará a prestación por desemprego a todas aquelas persoas que viaxen fóra do Estado, sexa cal for o motivo e a duración da saída. E doutra banda reduce nun 30% as axudas ao alugueiro que recibía a mocidade en virtude da Renda Básica de Emancipación.

Así as cousas, segundo publica este sábado o BOE --Boletín Oficial do Estado--, o decreto de medidas antidéficit aprobado no Consello de Ministros desta sexta vén modificar a norma vixente, de novembro de 2006, que regulaba o programa de renda activa de inserción para desempregad@s con especiais necesidades económicas. Permitía aquel texto que as persoas en tal situación viaxasen a calquera estado da Unión Europea sen perderen o subsidio durante tres meses que eran prorrogábeis até os seis, baixo o único requisito de se inscribiren no lugar de destino como demandantes de emprego.

As viaxes de até 15 días eran tamén posíbeis, previa autorización da oficina de emprego. O que se facía era interromper o cobro da prestación cando o motivo da viaxe era "traballar, buscar emprego ou realizar estudos que melloren a cualificación profesional", así como participar en accións de cooperación internacional. O subsidio deixaba de cobrarse se a persoa botaba 12 meses ou máis fóra do Estado.

A segunda das medidas que castiga especialmente a mocidade é a redución do 30% da subvención á renda de emancipación. Após o recorte, a contía final da axuda será de 147 euros --fronte aos 210€ actuais--, e cobralos non será compatíbel con ningunha outra axuda fixada na normativa autonómica correspondente.

Voltando ao desemprego, o Goberno español quitou adiante a proposta de eliminar o subsidio especial para persoas maiores de 45 anos que esgotaren a súa prestación contributiva. Modifícase o acceso á renda activa de inserción --RAI--, para vincular a súa recepción ao emprego, subsidiando máis unha vez os dereitos sociais ao emprego remunerado. Á RAI accedían todas aquelas persoas que botaban un ano no desemprego, e permitía o cobro de 426€ ao mes, até once pagas.

O Fondo de Garantía Social --Fogasa-- reduce a cobertura tanto en salarios como en indemnizacións, garantindo aquela unicamente para cantidades que non superen o duplo do salario mínimo interprofesional, fronte ao triplo actual. E finalmente, até o de agora, cando unha persoa perdía o traballo cotizaba un 4,80% do que percibía --o 35% do total da prestación--, e asumíao o servizo público de emprego. O novo decreto di que sexa @ desempregad@ quen asuma o total do aporte á seguridade social.

Máis en Mundo
Comentarios