A Galiza Ignorada

Witiza, un rei de Galiza que gobernou desde Tui con amplos apoios

Achegámonos á Galiza do século VII e VIII da man de Witiza, un monarca que gobernou desde Tui con amplos apoios entre a poboación galega e cuxo reinado se explica no contexto dun reino que seguiu mantendo a súa personalidade diferenciada no período visigótico. A figura deste monarca, albo dos ataques da historiografía españolista, danos chaves para comprender aquel tempo histórico e entender as razóns que explicarían o non asentamento dos musulmáns no país. Eis un extracto da peza publicada no número 303 de Sermos Galiza.

1
photo_camera Retrato imaxinario de Witiza realizado por Manuel Iglesias Domínguez.

6A incorporación de Galiza ao reino visigodo non estivo exenta de conflitos. A conquista do país polos exércitos do rei Leovixildo, após unha guerra que rematou coa derrota en 585 de Andeca, o derradeiro monarca suevo que tiña derrocado previamente a Eurico pola súa dependencia fronte ao poder visigodo, non puxo fin á resistencia galega. Sen ir máis lonxe, no propio 585, un descendente do rei Miro, o mesmo que iniciara a política de cohabitación e achegamento do reino galego cos visigodos, revólvese contra as tropas invasores alongando a súa loita até 586. Á fin, Malarico, nome deste novo insubmiso galego, será tamén derrotado polo exército visigodo, fortemente despregado na Galiza segundo as crónicas de Xoán de Biclaro, sendo recluído nun mosteiro. Aínda así, a súa familia, ao igual que o resto da oligarquía galega, manterá as súas posesións territoriais até o punto de que o novo escenario só significou unha mudanza na esfera superestrutural, sen alterar as relacións de poder internas ou o papel dirixente da vella oligarquía sueva.

A personalidade de Galiza como realidade diferenciada dentro do espazo visigótico manterase ao longo de todo o período. A existencia de varias comunidades nacionais baixo o mesmo trono fica patente na escasa documentación que nos chegou do momento, sinalándose acotío que o reino dos visigodos estaba conformado por “Hispaniae, Gallie et Gallecie”. Así, por exemplo, a Crónica Biclarense indica que en 589 “o rei Recaredo reuniu nun santo sínodo os bispos de toda España, da Galia e da Galiza na cidade de Toledo”. Na mesma liña, o papa Gregorio ‘O Magno’ refírese ao mesmo monarca como “rei dos Godos e dos Suevos”. Outro tanto acontece a mediados do século VII, neste caso cunha lei de Bamba recollida no Liber Iudicium á que xa se ten referido Manuel Murguía, onde se afirma que o ámbito de aplicación da norma son os territorios de “España, a Galia e a Galiza”. Un autor contemporáneo, neste caso Isidoro de Sevilla, non dubida en destacar nas súas Etimoloxías as diferenzas entre hispanos e galegos.

[Podes ler a peza íntegra no número 303 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Información do Reino
Comentarios