Vía Galega conmemora os 103 anos da Asemblea Nacionalista de Lugo

María Pilar García Negro e Cosme Pombo intervirá nun acto público en Lugo o 20 de novembro ás 11.30 horas na rúa Raíña para conmemorar os 103 anos da Asemblea Nacionalista.

Documento coas conclusións sobre a Asemblea Nacionalista de Lugo.
photo_camera Documento coas conclusións sobre a Asemblea Nacionalista de Lugo (Imaxe: Nós Diario)

A Asemblea Nacionalista fai 103 anos o próximo mes de novembro e a plataforma polos dereitos nacionais Vía Galega conmemórao cun acto público en que tomarán a palabra a profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro e mais o coordinador da entidade en Lugo, Cosme Pombo.

O ano pasado, a celebración da efeméride trasladouse ás redes sociais debido á alta incidencia da Covid-19 na Galiza.

Foi o 17 e 18 de novembro de 1918 cando Lugo acollía o encontro das Irmandades da Fala do que saíu o manifesto que xiraba ao redor da idea de que a Galiza é unha nación de seu. Coñeceuse como I Asemblea Nacionalista.

O historiador galego Xusto Beramendi, nun artigo publicado en Sermos Galiza, sinalou que entre 1916 -ano de nacemento das Irmandades- e 1918, cando decorreu a xuntanza en Lugo, "prodúcese a transición do rexionalismo ao nacionalismo galego".

Da reunión, que supuxo un grande avance no nacionalismo galego, participaron 57 delegados, procedentes de 16 localidades, e que contaban coa adhesión de 17 recoñecidos persoeiros, medios de comunicación e varias sociedades agrarias.

As conclusións da I Asemblea Nacionalista eríxense como a consecuencia lóxica da construción doutrinal iniciada pola primeira xeración provincialista a mediados do século XIX e continuada por Manuel Murguía.

Xa entón a Galiza aparecía como unha realidade diferenciada no plano peninsular e, a partir da Asemblea Nacionalista, presentouse como un suxeito de dereitos políticos en loita para os facer efectivos.

Con motivo do 100 aniversario da data, Sermos Galiza xuntara seis voces para explicar o significado político da Asemblea Nacionalista e a súa herdanza até hoxe. Precisamente, foi no cen aniversario da xuntanza cando Vía Galega aprobou a “Carta de Dereitos do Pobo Galego”.

Comentarios