Asemblea Nacionalista de Lugo

O nacionalismo organizado fai 100 anos

Con motivo do centenario da I Asemblea Nacionalista, o historiador Justo Bermandi insire no contexto histórico a transición do rexionalismo ao nacionalismo galego e dá conta das achegas do programa político aprobado, que perseguía, explica, a construción social da nación galega en clave democrática e socialmente progresiva.

Cadro de declamación da Irmandade da Fala da Coruña. Atópanse presentes, entre outros, Manuel Lemus, Fernando Osorio, Víctor Casas, Leandro Carré, Fernando Blanco Sellarés,  Leandriño Carré “Fausto Brand”, Luísa Castelo, Carme Melendrez, Xosé López, Pilar Lemus, Alfredo Somoza.
photo_camera [Imaxe: SG] Cadro de declamación da Irmandade da Fala da Coruña. Atópanse presentes, entre outros, Manuel Lemus, Fernando Osorio, Víctor Casas, Leandro Carré, Fernando Blanco Sellarés, Leandriño Carré “Fausto Brand”, Luísa Castelo, Carme Melendrez, Xosé López, Pilar Lemus, Alfredo Somoza.

4Os días 17 e 18 de novembro de 1918 celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista, organizada polas Irmandades da Fala, que naceran en maio de 1916. Neses dous anos e medio prodúcese a transición do rexionalismo ao nacionalismo galego. Para entendermos mellor esta profunda mudanza no devir do galeguismo político convén contextualizala no seu marco histórico.

Europa desangrábase na Gran Guerra, parteira de grandes cambios políticos, sociais e culturais nas dúas décadas seguintes e nomeadamente da eclosión de emancipacións nacionais no ronsel da disolución dos imperios autro-húngaro, ruso e otomán, amén de Irlanda. Na neutral España iniciara a súa longa crise o sistema da Restauración, monarquía parlamentaria ferreamente centralista, con sufraxio universal só masculino e deturpado por un clientelismo sistémico e o seu corolario, a fraude electoral masiva, que garantían o dominio total de dous partidos, o conservador e o liberal, que se alternaban no poder e só permitían unha presenza parlamentar marxinal ás forzas extrasistema, entre eles dous nacionalismos fortes en Cataluña e no País Vasco, se ben só o catalán tiña a hexemonía política no seu territorio.

En Galicia, malia o inicio de iniciativas modernizadoras na agricultura, na industria e nos servizos urbanos, persistía o atraso económico e a emigración masiva. O idioma galego seguía proscrito do ensino e dos usos públicos pese ao rexurdimento do século XIX que o recuperara como lingua literaria. O dominio político dos partidos da quenda e do seu caciquismo era esmagador, o rexionalismo galego pasaba por unha fase de eclipse case total e as carencias en industria e servizos daban lugar a un movemento obreiro feble. Só un combativo agrarismo que medraba con rapidez parecía capaz de desafiar ao sistema coa súa loita contra o foro, os “trabucos” e os abusos dos caciques. En todo caso, a supeditación de Galicia ao poder central, ao sistema español e á lingua e á cultura de raíz castelá era total, tanto no político como no económico e no cultural.

Neste marco xorden en 1916 as Irmandades da Fala, que nun principio parecen unha mera reactivación do rexionalismo, aínda que dende o primeiro momento hai no seu seo un sector que, moi influído polo exemplo catalán, quere dar o salto ao nacionalismo. Mesmo a Igrexa, necesitada dun instrumento político, procura, sen éxito, facerse co control do novo movemento. Tamén a Lliga de Cambó intenta convertelo no seu satélite galego e induce unha alianza electoral en febreiro de 1918, que acaba en fracaso total.

[Podes ler o artigo íntegro no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios