ANÁLISE

Da legalización das Irmandades da Fala á Asemblea Nacionalista de Lugo (1918-2018)

Entre o 17 e o 18 de novembro de 1918 tiña lugar a Asemblea Nacionalista de Lugo, un episodio fundamental no avance do nacionalismo. Con motivo do 99 aniversario da histórica asemblea, o profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez achega unha análise ao respeito. Eis un extracto da análise publicada no Sermos Galiza 272.

Asemblea Nazonalista de Lugo, Manifesto

6O pasado ano celebramos o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. O relevo destas radicou no feito de ser a primeira organización de ámbito nacional que se reclamou, explicitamente, ‘nacionalista’. Mais tamén no seu central contributo, durante década e media, en sentar os piares dun proceso de construción nacional, que daría lugar ao mellor da tradición do galeguismo do pasado século XX, incluído a creación do republicano Partido Galeguista (PG).

Contra todo prognóstico, a militancia nacionalista que se reunía un 18 de maio de 1916 na Coruña, para dar lugar á Hirmandade dos Amigos da Fala, sería o xérmolo dun vizoso movemento que vería nacer ducias de grupos locais que modernizarían o soberanismo galego nos inicios do pasado século. Unha dinámica e significado, eminentemente político, que explicaba magnificamente Antón Vilar Ponte, coorganizador das mesmas:

O 17 de Maio fixo dous anos que se constituiu a pirmeira ‘Irmandades da Fala‘; a da Cruña. Até entonces o galego tíñase por lingoa do pobo, por lingoa da plebe. Erao e segue séndoo, e, seraio sempre, n’efeuto. Era e sigue sendo a lingoa que falan as cinco sestas partes da nosa terra, percisamente as que gardan e conservan as nosas tradicións e os nosos costumes. Pro ista Galicia, a verdadeira Galicia, mantíñase n’unha escravitude e n’un esquecemento ausolutos.

(…) coidamos deber urxente voltar pol-o conquerimento da nosa alma propia, para recobrare co-a nosa lingoa, oxe vulgar, pro historicamente aristocrática, instrumento universal antaño da lírica peninsular, com’o foi o italiano at´fai pouco, a única cultura trascendente e útil: a que se cimenta nos valores da terra onde un nace, vive e traballa. Si queremos unha Galicia con personalidade recoñecida, si queremos unha Galicia nosa, e si queremos sere nós nosoutros mesmos, temos que cultivarnos en galego (…). Do noso idioma que nos abre magnánimo e fecundo as portas dos corazóns de moitos millóns d’almas que s’espresan no portugués irmán (…).

As ‘Irmandades da Fala’ naceron para reitificar todos istes erros criminais e suicidas. O iniciador d’elas foi Ramón Vilar Ponte, irmán meu. A  iniciativa súa recollina eu e leveina a un folleto, que patrocinaron, primeiro que ninguén, Aurelio Ribalta, galleguista de sempre, Manoel Lugrís, verbo do enxebrismo e Lois Porteiro, rapaz representativo da nova intelectualidade da terra” (A Nosa Terra, nº56, 1918).

Segundo este escrito de Antón Vilar Ponte non tería sido o 18 de maio, senón o 17, cando se realizaría a xuntanza fundacional da ‘Irmandade da Fala da Cruña’, mais debeu ser un lapsus do mariñao. Tanto na convocatoria da devandita xuntanza, como nas referencias de prensa, márcase que aquela foi o 18 de maio.

[Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 272, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios