Vandalizan con pintadas os muros exteriores da Torre do Castro de Sandiás

Asociacións patrimoniais denuncian a "pasividade" e conivencia da Xunta.
Pintada na Torre do Castro, en Sandiás. (Foto: Noelia Caseiro)
photo_camera Pintada na Torre do Castro, en Sandiás. (Foto: Noelia Caseiro)

A Torre do Castro do concello de Sandiás, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), apareceu deteriorada na tarde da cuarta feira após un acto vandálico con pintura nunha das fachadas interiores da parte inferior da construción. En concreto, nun dos muros pódese ler a seguinte inscrición pintada en negro: "Ke bonita es la noche y el día, fumando. Kosto y María".

Construída entre os séculos XI e XII co obxectivo de garantir a protección da desaparecida Lagoa de Antela -ao igual que as torres da Pena da Portela, Porqueira e Celme-, aséntase nunha contorna estratéxica da zona de Sandiás, que xa fora escollida polos antigos poboadores galegos para estabelecer unha aldea castrexa.

A Torre do Castro xogou un importante papel nas guerras pola posesión do Condado da Limia, e en xeral na historia medieval da Galiza. Foi destruída até en dúas ocasións: a primeira en 1386, por soldados do Ducado de Lancaster, e a segunda en 1467, no marco da Revolución Irmandiña.

Actualmente só se conserva parte da construción, moi deteriorada polo paso do tempo. Neste sentido, en 2020 leváronse a cabo labores de restauración, consistentes no selado de gretas e a estabilización da cimentación. Aliás, recuperouse unha escaleira interior, mellorouse a iluminación exterior e limpouse tanto a torre como a súa contorna.

Novo atentado contra o patrimonio galego

O acto vandálico na Torre de Sandiás é o último atentado en coñecerse contra o patrimonio galego. En xullo, o Seprona viuse obrigado a investigar un home, veciño de Trazo, pola presunta comisión dun delito contra o patrimonio histórico en Benza (Trazo), após derrubar con maquinaria pesada a fortificación do castro de Lestrobe, datado na Idade de Ferro e recollido no inventario de bens da Consellaría de Cultura.

Estes actos contra o patrimonio histórico son tamén cometidos por institucións públicas. É o caso do Concello de Betanzos, criticado o pasado mes de outubro por colectivos e asociacións pola defensa patrimonial despois de que este permitise unha proba de escalada na Torre do Reloxo, construción que tamén é BIC e que data do século XVI.

O pasado mes de marzo, a asociación Amigos da Terra presentou unha denuncia contra o Concello de Negueira de Ramuín “pola construción dun miradoiro en Penedos do Castro, por ditas obras presumibelmente carecer de calquera tipo de autorización”, xa que a actuación afectaba a conservación do patrimonio da contorna e supón “un atentado contra un dos valores arqueolóxicos e históricos da Ribeira Sacra”.

Para colectivos como a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, a "pasividade" e, en moitos casos, a conivencia da Xunta da Galiza á hora de non levar a cabo unha protección efectiva do patrimonio galego acaba repercutindo enormemente en que os desleixos e as agresións a estes restos arqueolóxicos resulten impunes.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios