A Fiscalía abre dilixencias contra a Deputación de Ourense e a Xunta por causar danos no mosteiro de San Pedro de Rocas

A Fiscalía considera que a actuación da Deputación de Ourense e do Goberno galego pode conlevar un delito contra o patrimonio histórico.
Concentración en defensa de San Pedro de Rocas ante a Deputación de Ourense en marzo deste ano. (Foto: Ecoloxistas en Acción).
photo_camera Concentración en defensa de San Pedro de Rocas ante a Deputación de Ourense. (Foto: Ecoloxistas en Acción).

A Fiscalía vén de tomar a decisión de abrir dilixencias penais contra a Deputación de Ourense e a Xunta, após constatar numerosas irregularidades no proxecto de ampliación do acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello de Esgos.

Numerosos colectivos ecoloxistas e de protección do patrimonio denunciaron que o proxecto, promovido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e apoiado polo Goberno galego, está a causar danos na contorna arquitectónica e natural do mosteiro, o máis antigo da Galiza.

A Fiscalía atende así as denuncias presentadas por estas asociacións, que lamentan que a obra non respecta a legalidade vixente de protección de conxuntos monumentais, xa que San Pedro de Rocas e a súa contorna están catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC) desde hai máis de vinte anos.

Os colectivos destacan tamén que a Deputación de Ourense falseou a documentación técnica do trazado do proxecto, coa intención de que a Xunta o aprobase, despois de rexeitalo en dúas ocasións.

Delito contra o patrimonio histórico 

A Fiscalía considera que a actuación de ambas institucións pode conlevar un delito contra o patrimonio histórico, agravado polo feito de que a Deputación xa comezou coas obras, a pesar de que existen causas abertas contra ela e contra o seu propio presidente a título individual.

A asociación Amigos da Terra, unha das máis involucradas na protección de San Pedro de Rocas, afirmou nun comunicado que agarda que "tanto a Deputación de Ourense como a Xunta reflexionen e modifiquen o proxecto co obxectivo de conservar os BIC de xeito integral".

Subliña que o mosteiro e a súa contorna son "o espazo de máis valor da Ribeira Sacra, un dos conxuntos patrimoniais de máis valor da Galiza, polo que a súa correcta protección e conservación é unha obriga de todos e de todas".

Neste sentido, o colectivo lembra que as administracións públicas deben "defender o conxunto de bens patrimoniais de San Pedro de Rocas". 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios