Novo atentado contra o patrimonio: derruban o castro de Lestrobe, en Trazo, para construír unha pista

A Garda Civil investiga un veciño da localidade como presunto autor do ataque a unha estrutura catalogada como ben de interese cultural arqueolóxico.
O Seprona abriu unha investigación. (Foto: Garda Civil)
photo_camera O Seprona abriu unha investigación. (Foto: Garda Civil)

Unha patrulla do Seprona, entidade de protección do medio ambiente dependente da Garda Civil, está a investigar desde esta cuarta feira un home, veciño de Trazo, pola presunta comisión dun delito contra o patrimonio histórico en Benza (Trazo).

Está acusado de derrubar con maquinaria pesada a fortificación do castro de Lestrobe, datado na Idade de Ferro e recollido no inventario de bens da Consellaría de Cultura.

Trátase dunha construción datada da Idade de Ferro e protexida pola Consellaría de Cultura

Os feitos foron denunciados por veciños da zona por mor dunhas obras que se estaban a realizar nuns terreos en man común que están afectados por un proceso de concentración parcelaria na parroquia tracesa de Benza.

Axentes do Seprona desprazáronse ao lugar para certificar que parte da defensa do castro de Lestrobe está parcialmente derrubado pola acción dunhas máquinas que, ademais, modificaron a orografía do terreo co obxectivo de construír unha pista.

Está catalogado tamén como ben de interese cultural arqueolóxico, polo que goza dunha figura de protección integral e en ningún caso podía ser modificado.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios