Entrevista

Simon R. Doubleday, profesor de Historia en Nova York: "Galiza e Portugal eran centrais no século XI e Castela, periférica"

Hispanista e editor fundador da revista 'Journal of Medieval Iberian Studies', Simon R. Doubleday é un prestixioso profesor na Hofstra University (Nova York) que ten enfocado parte das súas investigacións na importancia do reino galego alén e aquén da península Ibérica. Agora prologa o libro 'Os Reis e as Raíñas da Galiza: 1000 anos dun reino de seu', que edita Sermos Galiza S.A.
O hispanista e editor fundador da revista 'Journal of Medieval Iberian Studies', Simon R. Doubleday (Foto: Nós Diario).
photo_camera O hispanista e editor fundador da revista 'Journal of Medieval Iberian Studies', Simon R. Doubleday. (Foto: Nós Diario).

Compostela acolle este sábado ás 12 horas, na Libraría Couceiro, a presentación do libro Os Reis e as Raíñas da Galiza: 1000 anos dun reino de seu, asinado polos investigadores Alexandre Peres Vigo, Héitor Picallo Fontes e Xosé Ramón Ermida Meilán. A presentación estará a cargo de Simon R. Doubleday, o seu prologuista.

—Foi en setembro de 2022 cando nos coñecemos en persoa por mor do Congreso Internacional sobre o Reino de Galicia. Alén do contido do seu relatorio, que tiña que ver co reinado de Sancha de Galicia e Fernando I, todas as persoas asistentes quedamos estupefactas, tamén, por escoller o galego como vehículo de expresión. De onde lle vén esa sensibilidade co idioma e cultura do país?
O congreso de 2022, no Museo do Pobo Galego, foi un gran logro colectivo; encantoume ver tanta enerxía no público. O galego é a única lingua capaz de captar plenamente as realidades galegas: a súa paisaxe, o seu clima, a súa historia e cultura, tanto tradicional como contemporánea. Por unha parte, encarna un saber colectivo, forxado ao longo de moitos séculos, que o castelán —como lingua colonial— non pode capturar. Ao mesmo tempo, o galego non é unha lingua retrógrada.

Proporciona unha forma alternativa de vivir no mundo moderno que non está dominada polas linguaxes hexemónicas do capitalismo global, como é o caso do inglés e o castelán. A familia da miña nai sempre viviu nunha terra de fronteira entre dous mundos, o inglés e o galés, e a miña familia galega vive no Barbanza. O meu dominio do galego segue a ser moi modesto, pero grazas á miña titora —Carolina Silva Arandia— vai mellorando aos poucos!

—Como hispanista que é, de que forma entende a realidade galega dentro do mosaico territorial da península nos séculos XI e XII? Ten Galiza unha identidade de seu? Houbo unha ocultación intencionada da súa historia?
Galiza foi parte integrante dunha península sumamente fluída e plural neste período. As identidades non estaban aínda tan fixas nin tan binarias como o foron máis tarde. A fronteira co territorio que pasou a formar "Portugal" era sumamente porosa, e así tamén a fronteira con León, aínda que no século XI a tensión entre os distintos núcleos de poder —especialmente o bispado de Santiago e a corte real de León e Sahagún—puido levar a unha maior sensación de diferenciación.

Prodúcese un cambio de paradigma tras a gran fase de expansión militar cristiá de Andalucía no século XIII. Galiza non se fai insignificante, convértese nunha fonte fundamental de man de obra e financiamento das campañas andaluzas, e varrida por un sistema colonial de poder. Como demostrou Henrique Monteagudo, os trovadores galegos foron absorbidos nunha órbita castelá. A máis longo prazo, a hexemonía peninsular de Castela leva sen dúbida a un silenciamento das voces galegas, como sosteñen Anselmo López Carreira e Xosé Andrade Cernadas.

—Hai pouco que se anunciaba a publicación do seu último libro, realizado en conxunto co profesor Bernard F. Reilly. León and Galicia under Queen Sancha and King Fernando I é unha obra na que verteron moitos anos de esforzo e investigación. No contexto galego, que nos trae de novidade e que proxección pode ter a nivel internacional?
Este foi un fermoso proxecto no que traballar. Bernard Reilly legoume unha versión inicial do manuscrito, pouco antes de morrer en 2021, e este libro está impregnado do seu profundo coñecemento dos arquivos españois. Reilly gardou sempre un bo recordo da súa primeira visita arquivística a España no outono de 1964, e de Santiago de Compostela en particular. Pasou semanas, ese ano, vivindo na Rúa Nova. Sempre estivo convencido de que Galiza e Portugal eran centrais na monarquía do século XI, e de que, pola contra, Castela era relativamente periférica. Comparto en boa medida esta visión; aínda que non debemos descartar tan axiña a importancia de León, o noso libro subliñará a dimensión galega. E publícase agora no verán na University of Pennsylvania Press, unha das editoras académicas máis respectadas nos Estados Unidos. Agardo que amose as dimensións da historia medieval galega máis aló do camiño e que tamén se traduza ao galego.

—E agora colabora como prologuista de Os Reis e as Raíñas da Galiza: 1000 anos dun reino de seu. Como cualificaría este traballo desde dúas vertentes? Que teña saído desde un medio de comunicación impreso (Sermos Galiza, editora de Nós Diario, publica esta obra), primeiro por fascículos e logo como monografía, e que sexa un libro no que se aborden mil anos de historia.
En primeiro lugar quero felicitar os tres autores principais polo seu magnífico traballo neste proxecto. É claramente un traballo de amor polo tema, unha verdadeira obra de arte. Gardei relixiosamente os fascículos cando apareceron por primeira vez, como de seguro fixeron moitos lectores. É moi importante que fose accesíbel a un público amplo. Calquera cultura precisa escribir e reescribir constantemente a súa propia historia: a historia dos seus gobernantes, mulleres e homes, así como a historia social e cultural da xente que ás veces de forma errada chamamos "común". O carácter serial da publicación—como unha boa novela decimonónica!—engadiu aínda máis emoción. Pero os fascículos no xornal teñen unha curta vida, e a recollida dos artigos orixinais en forma de libro daralle unha permanencia que o proxecto realmente merece.

—Considera que este tipo de publicacións serven para crear conciencia na sociedade? Pensa que a divulgación non ten por que estar en pugna co rigor? Porque deámonos conta de que un amplo sector social precisa libros áxiles e cómodos na súa lectura para comprender unha realidade que –baixo a miña opinión– nos foi furtada.
Si, estas publicacións son un instrumento esencial para resistir o dominio doutras narrativas hexemónicas que presentan Galiza como parte dunha periferia. Xeoloxicamente, pero só xeoloxicamente, esas narracións son correctas: Galiza está na beira atlántica. Pero desde a antigüidade foi precisamente esta posición na beira a que lle deu un papel central no desenvolvemento da economía ibérica. Nin Liverpool nin Bristol nin Plymouth son historicamente "periféricas"; tampouco o son Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense ou Lugo. A periferia está no interior despoboado de Castela. A divulgación nunca debe significar perder o rigor: aprendín hai moito tempo que os lectores que traballan en hospitais, escolas, oficinas ou supermercados teñen a mesma enerxía intelectual e curiosidade que calquera estudoso. 

—Por conversas que tivemos, sei que é lector de Nós Diario. Non pensa que fan falta medios de difusión periódica que se comprometan directamente coa divulgación da historia, do idioma e da cultura? Porque coido que non todo ten que ser información e entretemento, tamén debe existir un propósito de sensibilización e formación para podermos transformar a sociedade en algo mellor.
Si, son lector fiel (e subscritor abonado) de Nós Diario. Sigo sempre con enorme interese as columnas de escritoras como María Reimóndez e Marilar Aleixandre. Ten razón na necesidade de ir máis aló dos titulares das noticias; as historias descontextualizadas non revelan nada de importancia. A miúdo levan o lector a unha sensación de impotencia. Reducir a actualidade a un circo político, sen reportaxes ou reflexións máis profundas é un problema serio para unha cultura e para unha democracia.

Galiza ten a sorte de contar con magníficas exposicións, como as que organizou Manuel Gago, e agardo con entusiasmo a próxima sobre os viquingos comisariada por Irene García Losquiño. Tamén é marabilloso o traballo nos medios de Carlos Lixó, por exemplo. A vitalidade continuada da cultura galega dependerá da forza de medios independentes como Nós Diario, máis aló do control de corporacións e gobernos.

—Será un pracer telo connosco na presentación desta obra na Libraría Couceiro e baixo o paraugas da Agrupación Cultural O Galo. Ten dado conferencias en moitos ámbitos especializados do eido internacional, que lle supón o acto deste sábado?
Sinceramente, este é un dos eventos máis significativos aos que me convidaron. Sei a importancia da Libraría Couceiro e doutras librarías independentes (como Lila de Lilith, Numax e Follas Novas) na vida intelectual de Santiago, e como se está a refundar Compostela baixo a dirección de Goretti Sanmartín. Moitas xornadas académicas implican a circulación do coñecemento en círculos moi limitados. Este proxecto fala directamente dunha profunda necesidade pública, e dunha auténtica sede de coñecemento.

—Supón para vostede, ao igual que para min, un antes e un despois na historiografía galega a produción cultural e intelectual do profesor Anselmo López Carreira? Case vinte anos máis tarde da publicación de O Reino medieval de Galicia, a situación asemella outra.
Anselmo é un verdadeiro mestre. Os seus libros e as súas aparicións públicas en programas de televisión revelan o seu compromiso sen límites coa historia de Galiza. Como tantos galegos, é infalibelmente xeneroso e acolledor. Moi poucas persoas poden transmitir a mesma combinación de paixón, calidez e rigor que el. Sigo profundamente agradecido polo seu convite para que participase no congreso sobre o Reino da Galiza hai agora dous anos.

Unha obra rigorosa para coñecer a historia agochada do Reino da Galiza

O profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo e o investigador Héitor Picallo Fontes, coautores xunto ao tamén investigador Xosé Ramón Ermida Meilán de Os Reis e as Raíñas da Galiza: 1000 anos dun reino de seu, intervirán xunto a Simon R. Doubleday na presentación do libro este sábado. A obra permite coñecer os monarcas suevos, protagonistas dunha das historias máis extraordinarias e mellor documentadas da Europa dos séculos V e VI, así como a diversidade territorial da monarquía toledana despois do ano 585, preterida pola historiografía española en favor dunha visión dos visigodos como cerne da "nación española".

Tamén dá conta da presenza dun reino propio, que non foi o de Asturias -mesmo cando os reis situaron a súa corte estábel no antigo campamento de Legionis (actual León), a denominación do reino seguiu a ser a de Galiza-, diferenciado da Hispania islámica e que recobrou a independencia eclesiástica co aval dun centro apostólico: Compostela.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios