Sermos Galiza S.A. saca do prelo o libro 'Os reis e as raíñas da Galiza'

Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu está decidido a pór en valor a historia daqueles soberanos e soberanas cuxa memoria foi arrebatada ao país a través dun proceso político-ideolóxico destinado a perpetuar a súa submisión.

Capa do novo libro.
photo_camera Capa do novo libro.

Este sábado 16 de marzo, ás 12 horas, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, presentarase o volume Os reis e as raíñas da Galiza, asinado polos investigadores Alexandre Peres Vigo, Héitor Picallo Fontes e Xosé Ramón Ermida Meilán e editado por Sermos Galiza. A presentación estará a cargo de Simon R. Doubleday, profesor de Historia en Hofstra University (Nova York, Estados Unidos de América) e prologuista do libro, e nela tamén intervirán os coautores Alexandre Peres Vigo, profesor da Universidade da Coruña, e Héitor Picallo, investigador. O acto está organizado pola Agrupación Cultural O Galo.

En Os reis e as raíñas da Galiza poderán coñecerse os monarcas suevos, protagonistas dunha das historias máis extraordinarias e mellor documentadas da Europa dos séculos V e VI, aos que a Galiza lles debe o feito de se ter erixido, desde o ano 411, nun reino dinámico e innovador, na que brillaron eruditos cristiáns como Hidacio ou Martiño de Dume. Ou a diversidade territorial da monarquía toledana despois do ano 585, preterida pola historiografía española en favor dunha visión dos visigodos como cerne da "nación española".

Ou a presenza dun reino propio, que nunca foi o de Asturias -mesmo cando os reis situaron a súa corte estábel no antigo campamento de Legionis (actual León), a denominación do reino seguiu a ser a de Galiza-, diferenciado da Hispania islámica e que recobrou a independencia eclesiástica co aval dun centro apostólico: Compostela.

Tamén se trata a emerxencia dos novos reinos de Castela e Portugal, a vocación atlántica do reino que levou a Xoán de Gante, duque de Lancaster, a ser coroado rei dos galegos en 1386, e a decadencia do reino ao pasar a mans de diferentes casas foráneas: os Trastámara, os Habsburgo e finalmente os Borbóns.

Perspectiva de xénero

O estudo desenvólvese con perspectiva de xénero, un elemento transversal na totalidade dos contidos. Por este motivo, estúdanse as biografías de 17 raíñas galegas co obxectivo de pór en valor o papel central que desenvolveron ao longo da historia. Entre algunhas destas mulleres, afóndase nas figuras de Elvira Mendes, Adosinda Guterres, Urraca I, Xoana I de Castro ou Xoana III de Trastámara.

Todos estes feitos caeron no esquecemento no pobo, mais non entre aristócratas galegos como foron o conde de Gondomar ou ilustrados como Martín Sarmiento. Eles foron conscientes, de que a Galiza debía estar orgullosa dun pasado cuxos ecos, pese a quen pese, non puideron ser completamente silenciados.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios