San Cibrao das Las lembra Bautista Álvarez coa presentación dun libro póstumo e unha ofrenda

Esta sexta feira, coincidindo co sexto aniversario do falecemento de Bautista Álvarez, desenvolvéronse unha serie de actos en lembranza do político e escritor.

O acto de presentación do libro decorreu na casa natal de Bautista Álvarez, en Loucía (San Amaro). [Imaxe: Nós Diario]
photo_camera O acto de presentación do libro decorreu na casa natal de Bautista Álvarez, en Loucía (San Amaro). [Imaxe: Nós Diario]

Pasadas as 18 horas, a casa natal de Álvarez, en Loucía, San Cibrao das Las (San Amaro, comarca do Carballiño), acolleu a presentación do libro póstumo do homenaxeado, titulado Teseo loitando contra o Minotauro e editado pola Fundación Terra e Tempo, coas intervencións de Modesto Álvarez, Ana Paz e María do Carmo García-Negro.

Unha hora despois, a homenaxe continuou no cemiterio de San Cibrao das Las, coa ofrenda floral a cargo da Unión do Povo Galego, partido político do que foi fundador e presidente. Eladino Cabanelas e de Daniel Gómez salientaron "o papel fundamental" desenvolvido por Bautista Álvarez na organización do nacionalismo galego.

Bautista Álvarez é, sen dúbida, unha das figuras imprescindíbeis para entender a evolución do nacionalismo galego na segunda metade do século XX. Convencido do carácter nacional da Galiza desde a súa etapa de estudante, representa coma ninguén a xeración que se levantou contra o piñeirismo para recuperar o proxecto político de Daniel Castelao e do Partido Galeguista. E, ao mesmo tempo, foi tamén o elo fundamental para engarzar coa xeración seguinte, a que loitou para lle outorgar precisión ideolóxica ao proxecto nacionalista. 

A súa foi unha vida entregada á militancia, e o seu nome vai ligado aos grandes fitos do nacionalismo galego: desde a fundación do grupo Brais Pinto (xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, ou Herminio Barreiro, entre outros) e da UPG, até o vergonzante episodio da expulsión do Parlamento de Galiza canda os deputados do Bloque-PSG por negarse a validar o réxime xurdido da constitución de 1978. 

Teseo loitando contra o Minotauro, o título que se presentou esta sexta feira  é, sen abandonar a vocación literaria, un libro diferente. Trátase dun relato de, precisamente, a súa traxectoria militante, centrada especialmente nas súas estadías carcerarias. 

"Son episodios da miña vida política escritos con intención didáctica", escribe para, a seguir, explicar que a súa pretensión é dar a coñecer ás xeracións máis novas "as dificultades que o nacionalismo actual tivo que pasar na súa infancia". 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios