Bautista Álvarez explora o labirinto da xénese do nacionalismo moderno

A Fundación Terra e Tempo vén de publicar, a modo de especial, un texto inédito de Bautista Álvarez, Teseo loitando contra o Minotauro, que retrata a traxectoria política dunha xeración que retomou o ideario político do Partido Galeguista en plena ditadura. 
 
Presentando o segundo volume das súas obras no castro de San Cibrao das Lás (San Amaro) con Felipe Senén e Mª Pilar García Negro, en 2014.
photo_camera Presentando o segundo volume das súas obras no castro de San Cibrao das Lás (San Amaro) con Felipe Senén e Mª Pilar García Negro, en 2014.(Foto:Xan Muras).

Bautista Álvarez é, sen dúbida, unha das figuras imprescindíbeis para entender a evolución do nacionalismo galego na segunda metade do século XX. Convencido do carácter nacional da Galiza desde a súa etapa de estudante, representa coma ninguén a xeración que se levantou contra o piñeirismo para recuperar o proxecto político de Daniel Castelao e do Partido Galeguista. E, ao mesmo tempo, foi tamén o elo fundamental para engarzar coa xeración seguinte, a que loitou para lle outorgar precisión ideolóxica ao proxecto nacionalista. 

A súa foi unha vida entregada á militancia, e o seu nome vai ligado aos grandes fitos do nacionalismo galego: desde a fundación do grupo Brais Pinto (xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, ou Herminio Barreiro, entre outros) e da UPG, até o vergonzante episodio da expulsión do Parlamento de Galiza canda os deputados do Bloque-PSG por negarse a validar o réxime xurdido da constitución de 1978. 

Esa entrega e fidelidade a un proxecto político foron talvez a causa de que deixase a un lado forxar unha carreira no mundo da literatura, que non iniciou até o ano 2013, no que publicou o volume de relatos Retallos daquela infancia (Xerais). 

"En realidade, el nunca deixou de escribir, xa existen textos seus que datan da década de 1950", explica Xosé Ramón Ermida, especialista na obra de Álvarez, en conversa con Nós Diario. "Mais, efectivamente, el tiña un concepto moi clásico e moi firme da militancia e iso refreábao á hora de dedicarlle máis tempo a crearse un nome no mundo literario".

Un libro diferente 

Teseo loitando contra o Minotauro, o título que agora publica a Fundación Terra e Tempo en forma de número especial da revista do mesmo nome, Terra e tempo, é, sen abandonar a vocación literaria, un libro diferente. Trátase dun relato de, precisamente, a súa traxectoria militante, centrada especialmente nas súas estadías carcerarias. 

"Son episodios da miña vida política escritos con intención didáctica", escribe para, a seguir, explicar que a súa pretensión é dar a coñecer ás xeracións máis novas "as dificultades que o nacionalismo actual tivo que pasar na súa infancia". 

 

Biografía e doutrina 

"Unha das características de Bautista Álvarez que máis o definen como persoa é a súa modestia, a súa resistencia a falar de si mesmo", apunta Ermida. "E, en consecuencia, opina que unha biografía non interesaría a ninguén máis que aos seus achegados. Mais este libro xa ofrece un achegamento substancial á súa traxectoria política, e tamén a da súa xeración, que levou a cabo un traballo titánico para construír unha alternativa política nacionalista consistente. E o libro, como el mesmo confesa, ten unha vontade doutrinal que está por riba da anécdota biográfica sobre a que descansa". 

O corpus doutrinal de Bautista Álvarez é extenso e inescusábel para o nacionalismo moderno, mais o libro -e o seu desfile de detencións e encarceramentos tamén deixa ver que, como anota, para o autor a acción política era inseparábel da reflexión teórica. 

"El era un pensador na mellor tradición leninista, consideraba que a teoría tiña que servir para a acción política. E sempre se comportou de acordo con ese principio", lembra Ermida. "Nese sentido, este libro deita luz sobre moitos episodios de gran transcendencia que mesmo sobardan o ámbito galego, como cando fala da relación con coñecidas figuras da esquerda española e deixa ver, por riba da amizade persoal e da camaradaría antifranquista, a incomprensión cara ao nacionalismo por parte desa esquerda".

A loita e a impunidade

Por iso, Teseo loitando contra o Minotauro afonda nos principais eixos históricos que dan sentido ao proxecto nacionalista a través dun percorrido que se revela duro e exixente para os protagonistas, mais sen que o autor caia en ningún momento no vitimismo.

"É un libro que ofrece moitas lecturas. Por un lado é unha peza fundamental para reconstruír e divulgar a historia recente do país", opina Ermida. "Pero ademais ofrece un retrato vigoroso do que foi a oposición á ditadura na Galiza e a creación dun proxecto particular que, co tempo, se revelou de enorme transcendencia: a recuperación do ideario do nacionalismo histórico e da súa aplicación práctica á sociedade contemporánea".

Ademais, existen episodios singulares que dan unha idea moi clarificadora dalgunhas desas etapas históricas. Bautista Álvarez trata da figura de Jorge Mosquera, un policía da Brigada Político Social de Vigo coñecido pola súa crueldade e cuxos métodos de investigación incluían a tortura. Unha vez morto o ditador e proclamada a democracia, Mosquera non só seguía exercendo como funcionario de policía, senón que se permitía ter unha conversa con Bautista Álvarez, -após o intento de golpe de Estado de 1981- na que non dubidaba en darlle a entender que poderían "quitalo de en medio" cando quixese. 

As afinidades políticas e literarias con Otero Pedraio

Ademais do valor histórico que posúe, Teseo loitando contra o Minotauro mostra unha vontade de estilo na que se recoñece ao erudito, ao entendido en varios saberes que sintetiza nunha prosa case oteriana, matizada por unha aguda, e ás veces velenosa, retranca. 

"Ou sen case", matiza Xosé Ramón Ermida. "Bautista Álvarez mantiña unha grande amizade con Otero Pedraio, e admirábao no literario e no persoal. Hai que ter en conta que Don Ramón significaba a continuidade histórica co nacionalismo do primeiro terzo do século XX, que era o proxecto no que estaba embarcada a súa xeración". 

Por outra parte, a propia posición política de Otero, facilitaba ese achegamento, xa que compartía con Álvarez a animadversión por Ramón Piñeiro e os seus posicionamentos. 

"Otero Pedraio sempre deixaba caer unha frase: detrás de todo filósofo hai un ditador, que evidentemente se refería a Piñeiro", revela Ermida. "E Bautista entendía aquela inimizade íntima como un asentimento tácito ao proxecto que estaban construíndo. Otero non era un federalista, Otero era un nacionalista. Non é por casualidade que o primeiro libro que editou o grupo Brais Pinto fose Bocarribeira, de Otero. Había un proxecto político xa naquela altura".    

Comentarios