A Fundación Insua dos Poetas homenaxea ao grupo Brais Pinto

A Fundación Insua dos Poetas celebrou na mañá deste sábado 16 de xullo a súa tradicional Festa da Palabra. O acto, promovido pola entidade presidida polo poeta Luís González Tosar, serviu para homenaxear ao grupo Brais Pinto e premiar a diversas iniciativas culturais e personalidades galegas.

grupo brais pinto
photo_camera Membros do grupo Brais Pinto en Madrid en 1958 De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Otero Pedraio, Bernardino Graña, Cesar Arais e un directivo do Centro Galego de Madrid. Abaixo: Bautista Álvarez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Raimundo Patiño e Leonardo Fernández Souto. (Foto: Nós Diario)

O parque da Esgueva, en Madarnás, no Carballiño acolleu esta maña un acto de homenaxe ao grupo Brais Pinto. Segundo sinalou o presidente da entidade a Nós Diario, Luís González Tosar, o colectivo “marcou unha ruptura desde Madrid co costumismo e o tradicionalismo da nosa literatura”.

González Tosar significou que “alí coincidían nove persoas galegas vinculadas a diversas áreas a maioría estudantes, pero tamén traballadores migrados. Encabezaron unha transformación literaria en conexión con outros autores como Rodríguez Mourullo ou Xohán Casal, que non fixeron parte formal do grupo pero que, dalgunha maneira, o anticiparon e dialogaron con eles”.

O responsábel do colectivo organizador destacou que “ao mesmo tempo conectaban coa xeración de preguerra a través de Otero Pedraio ou Ben-Cho-Sey. Quixemos reunir ás tres persoas de Brais Pinto que aínda viven, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Xosé Luís Méndez Ferrín para homenaxear esa revolución literaria e cultural, que tamén tiña unha dimensión política”.

Os membros de Brais Pinto

O grupo Brais Pinto creado en 1958 por estudantes e traballadores galegos residentes en Madrid estivo formado polo escritor e dirixente nacionalista, Bautista Álvarez, polo artista plástico, Raimundo Patiño, polo escritor e fundador da UPG, Xosé Luís Méndez Ferrín, polo lingüista e profesor da USC, Ramón Lourenzo, polo poeta, Bernardino Graña, polo pedagogo e ensinante universitario, Herminio Barreiro, polo cineasta e poeta, Alexandre Cribeiro, polo xornalista e escritor, Xosé Fernández Ferreiro e polo intelectual e galeguista, Cesar Arias.

Un dos cofundadores do colectivo, Bautista Álvarez, afirmou que “Brais Pinto é a expresión dunha xeración que quer continuar co legado do Partido Galeguista, hipotecado polos dirixentes de Galaxia, se ben a súa actividade quedou limitado ao campo cultural, onde destacou a posta marcha dunha colección de poesía, xénero literario que non cubría Galaxia”.

A práctica totalidade dos investigadores coinciden en destacar que grupo supón a contestación á inhibición imposta polo piñeirismo, a práctica política no campo do nacionalismo por parte dos sectores mozos, a reivindicación do corpo doutrinal de Castelao, nomeadamente da súa dimensión política e tamén a ponte entre a Galiza do exilio e do interior.

Premio Ínsua dos Poetas

O acto de hoxe da Fundación Insua dos Poetas, onde participou o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o secretario xeral de Cultura da Xunta da Galiza, Anxo Lorenzo serviu para facer entrega dos galardóns que outorga anualmente a entidade a diferentes persoas e manifestacións culturais galegas.

O premio na categoría de investigación e promoción cultural, recaeu no arqueólogo, historiador, colaborador de Nós Diario e secretario da Academia de Belas Artes da Galiza Felipe-Senén López Gómez. No ámbito musical resultou galardoado, Bieito Romero, nas artes plásticas, Pilar Corredoira, no teatro o Festival de Teatro Galego “Celso Parada, na literatura, Ramón Caride Ogando, na cultura da emigración, o membro do grupo Nós de Arxentina, José María Vila Alén e na cultura rural, o programa da TVG “Cos pés na terra”  

Comentarios