É imposíbel historiar o percurso do nacionalismo galego do último medio século —por tanto, é imposíbel historiar a propia evolución do país— sen se referir á vida e á obra de Bautista Álvarez (1933-2017). Todas as persoas que se congregaron este sábado en San Cibrao das Lás eran plenamente conscientes diso, o que transmitiu unha enorme emotividade ao evento.
Houbo música —a de Roberto Sobrado—, houbo poesía —Marta Dacosta, Lois Diéguez (con versos escritos especialmente para a ocasión) e Millán Picouto— e houbo política, con intervencións do secretario xeral da UPG, Néstor Rego, e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Rego reivindicou o teórico —a síntese que Álvarez fixo do marxismo e do pensamento de Castelao-, mais tamén puxo o foco no home como modelo de conduta. E nese sentido, emparentouno con Moncho Reboiras, o dirixente da UPG asasinado pola policía franquista en 1975: "Os camaradas Reboiras e Bautista Álvarez son os nosos referentes éticos e políticos contemporáneos" .
Por súa parte, Ana Pontón salientou a "súa paixón por facer de Galiza un país próspero e con xustiza social", ao tempo que mostrou a súa convicción de que o legado de Bautista Álvarez, o seu pensamento, tamén a súa acción, "sempre estará con nós".
E se Bautista Álvarez —dirixente chave na fundación da UPG en 1964 e do BNG en 1982— tiña unha idea clara, enfatizou Ana Pontón, é a necesidade de que Galiza se dotase de forzas políticas propias e apostase na súa auto-organización, porque "se algunha nación sen estado precisa do nacionalismo esa é Galiza", remarcou a líder do Bloque.