O operativo empregou como pantalla o Instituto Miguel Servet, antecedente de Zeltia

As redes de fuga da Galiza franquista promovidas polos nacionalistas

A dura represión que seguiu ao golpe de Estado de 1936 obrigou á militancia das organizacións democráticas a organizar redes de fuga para sacar da Galiza controlada polo franquismo a obxectivos certos do novo réxime. Unha desas redes estivo dirixida desde Porto por militantes nacionalistas e empregou como pantalla o Instituto bioquímico Miguel Servet, antecedente de Zeltia.
Ramiro_Illa_Couto
photo_camera Ramiro Illa Couto. (Foto:Nós Diario)

A presenza de militantes nacionalistas nas redes de fuga da Galiza franquista non é unha realidade descoñecida. Así, a descuberta a finais de febreiro de 1937 dun operativo que tentaba sacar da Coruña ao deputado socialista Luís Rufilanchas Salcedo provocou a detención de arredor de 30 persoas e o fusilamento o 11 de xullo deses mesmo ano dunha ducia de demócratas, entre eles os dirixentes do Partido Galeguista Xenaro Ruano e Manuel Fernández, medico da pasaxe e cuñado do artista plástico Luís Seoane.

O antigo irmandiño e deputado de Izquierda Republicana, Alfredo Somoza, deixou constancia de como foi sacado da Coruña por unha rede clandestina liderada polo nacionalista lugués Álvaro Xil. Somoza, agochado na cidade herculina desde 1936, residente en diversas casas de seguridade até 1947 non deu fuxido da Galiza até outubro dese, desprazándose un ano máis tarde desde Francia a Uruguai, onde rematou por integrase no Consello da Galiza e retornar á disciplina nacionalista.

Ramón Obella e Ramiro Illa

Unha das redes de fuga máis importantes estivo dirixida desde Porto polos dirixentes do Partido Galeguista Ramón Obella e Ramiro Illa. O primeiro, médico e fundador do Instituto bioquímico Miguel Servet e o segundo, fuxido do franquismo após ser encarcerado e comercial da empresa, empregaron a cobertura que lles prestaba a súa actividade comercial para pór en marcha unha rede de evasión que funcionou desde 1937 até finais de 1938.

O profesor da USC e biógrafo de Ramiro Illa, Xosé Luís Pastoriza, sinala a Nós Diario que descubriu a “existencia desta rede nos arquivos da Fundación Illa Couto e no legado de Xavier Castro á Fundación Penzol onde se atopa a correspondencia de Rodolfo Prada”.

“O Instituto bioquímico Miguel Servet  foi fundada en 1935 por varios socios, algúns deles como Alexandre Bóveda, Ramón Obella ou Ferran Calvet de militancia e práctica nacionalista”, continúa Pastoriza, quen lembra que “a comezos de 1937 abren unha oficina en Porto moi centrada na comercialización do cornello do centeo, o famoso caruncho, coñecido polos seus efectos semellantes ao LSD pero tan empregada na industria farmacéutica”.

Obella no cuartel de Franco

“Ademais do capital da compañía fan parte persoas ligadas ao franquismo como Emilio Martínez-Baladron, o que lle permite Ramón Obella e a Ramiro Illa unha certa seguridade, practicando ás veces o dobre xogo, mesmo recibindo fondos dun comité franquista de galegos de Cuba e chegando Obella a visitar o cuartel de Franco para achegar axuda deses emigrantes”, destaca Pastoriza.

Obella e Illa, en contacto con Rodolfo Prada e os nacionalistas galegos de Arxentina, manteñen a rede en pleno funcionamento desde mediados de 1937 até finais de 1938. Neste sentido, Pastoriza significa “a correspondencia entre Ramiro Illa e Prada, onde o primeiro dá conta do número de demócratas galegos que saen de Portugal, con expresións en clave como “hoxe saíron 20 quilos de carqueixa” que quería dicir que saíran 20 refuxiados galegos de Portugal”.

A comunidade nacionalista galega de Arxentina financiou o groso deste operativo, achegando a Ramiro Illa e Ramon Obella os fondos necesarios para continuar coa súa actividade clandestina. Este procedemento repetiuse con outras redes de evasión posta en marcha pola mundo galeguista noutros momentos da historia.

Unha ruta de fuxida cara a Francia

A operativa repetiuse practicamente en todas as viaxes, empregando barcos de tripulación portuguesa, con saída de Porto e destino a Francia. “Neste etapa, a maioría dos fuxidos diríxense a Francia, algúns deles co co obxectivo de pasar á zona republicana, como aconteceu con Delgado Gurriarán que empregou esta rede”, conta Pastoriza.

A finais de 1938 a situación volveuse insostíbel para Ramiro Illa, seguido moi de preto pola policía política da ditadura de Salazar. Neste escenario, Illa marchou a Francia, onde desenvolveu meses máis tarde unha labor análoga en apoio aos galegos recluídos nos campos de concentración franceses após o remate da guerra dos tres anos.

Os anos portugueses de Obella e Illa deron para rexistrar unha marca industrial que marcou a historia do sector farmacéutico na Galiza. Así, en Porto legalizaron Zeltia, que en 1939, coa incorporación ao seu capital dos irmáns Fernández López e a presenza no mesmo de Ramon Obella e Fidel Illa Couto abriu un novo tempo no país.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios