Os irmáns Isla Couto e os mártires do 12 de novembro de 1936 na Caeira (Poio)

Aquelas crueis mortes deixaron unha pegada fonda de emoción e lembranza nos irmáns de sangue e espírito nacionalista Ramiro e Xaime Isla Couto.
Cintia Rei (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe antiga de Cinta Rei (Foto: Nós Diario)

O 12 de novembro de 1936 morrían asasinados no piñeiral da Caeira (Poio) Víctor Casas, Xoán Rico, Xosé Adrio Barreiro, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Luis Poza Pastrana e Benigno Rei Pavón, como ben lembraba o artigo “Víctor Casas, o patriota que pariu Cinta Rei”. Aquelas crueis mortes deixaron unha pegada fonda de emoción e lembranza nos irmáns de sangue e espírito nacionalista Ramiro e Xaime Isla Couto. Hoxe queremos traer na súa lembranza dous textos vencellados á familia Isla Couto nos que se fai memoria e xustiza dos irmáns e amigos asasinados: Víctor Casas, Luis Poza e Benigno Rei.

 O martirio de Víctor Casas reflectiuse no poema “Víctor Casas”, escrito por Chita Lamas, esposa de Ramiro Isla, e incluído no Cancioneiro da Loita Galega, publicado baixo o selo do Partido Galeguista en México en 1943.

¡Víctor Casas! ¡Víctor Casas!

espello de fidalguía, vida consagrada a reo

a exaltación de Galiza.

Comenzaches sendo neno

e non a abandonarías;

no camiño percorrido

non tiveches outra guía;

nin outra honra ni-arela

que a de ser bon galeguista;

sen desmaios, sen acougos,

sen deixar un soio día

de labourar circiamente

pola Causa de Galiza.

Animador dos que, torpes,

sesteaban na preguiza;

látego dos que, treidores,

por medrar na treidoría,

esquecían seus deberes

de galegos pra Galiza.

Home bon, desintresado,

sin a máis leve cobiza,

disposto  pra o sagrificio,

pola Causa de Galiza,

E, por isto, que te matan,

por isto arríncanche a vida.

Por soñares un porvir

venturoso pra Galiza,

calóñante de treidor

-por Galego e Galeguista-

os treidores máis treidores

que a hestoria toda rexistra.

¡Ata morrendo laboras

pola Causa de Galiza!

Víctor Casas! ¡Víctor Casas!

si, por amar a Galiza,

te mataron cal treidor,

¡que bela morte terías!

O Ramiro Isla, daquela exiliado en México coa súa dona Chita-filla do agrarista Francisco Lamas e irmá do debuxante e líder nacionalista bonaerense Francisco Lamas-, argalla canda a Florencio Delgado Gurriarán e o resto de membros do grupo Saudade (Arturo Souto, Carlos Velo, Xosé Caridad Mateo) a edición deste Cancioneiro dedicado a Ánxel Casal, a Xohán Carballeira, a Manolo e Pepe Castelao, e a todos os irmáns, e todos os galegos mortos por Galiza. Ramiroben se lembraba desde México de Manolo e Pepe Castelao, os irmáns Insua, mártires do bou Eva, ós que agochara no seu piso da avenida de García Barbón en Vigo antes de morreren suicidados en abril do 1937.

O outro retallo de memoria dos mártires do 12 de novembro apareceu durante os traballos de ordenamento dos Fondos Xaime e Ramiro Isla da Fundación Isla Couto. Un textiño manuscrito inédito de Xaime Isla do ano 1946 titulado “Historia pequeniña dun balandro”, e rescatado do esquecemento na fotobiografía editada en 2015 pola Fundación Isla Couto e Editorial Galaxia co gallo do centenario do seu nacemento: Xaime Isla. raíz e utopía de Galicia.

En maio dese ano, con motivo do 25 aniversario do Concurso Literario “Xaime Illa Couto” organizado polaSociedade Cultural e Deportiva de Raxó e mais o Concello de Poio, a súa Concellería de Culturaeditou con agarimo e coidado un “Caderno para lembrar” no que recolle este texto onde se lembra con saudades a vida na aldea e mar de Raxó dos mozos Benigno Rey, Luis Poza, Clemente Echeverría e Xaime Isla, todos eles vítimas da represión franquista. Mais no texto tamén aparece unha vítima da violencia impune da Garda Civil naquela parroquia de Poio: o Merlo, morto anos despois dunha malleira.

Historia pequeniña do balandro

“Nace no ano 1934 polo acordo de tres bos amigos. Luisín Poza, Benigno Rey e Clemente Echeverría. Foi bautizado co nome de Katia e fixada a súa residencia en Raxó. Na infancia brincou forte e lixeiro, coas veliñas brancas polas rías de Marín, Vigo e Arousa, sempre cos tres abordo. Mais morreron os dous primeiros fusilados, despois do levantamento do dezaoito de xullo do trinta e seis, e Clemente ficou preso na súa casa, polo que o barco pasou unha triste mocidade, esquecido de todos, na praia de Sinás.

Nos veráns do trinta e oito e o trinta e nove, e quizais o corenta tamén, dou unhas poucas bordadas pola ría de Marín, sempre cerca de Raxó, durmindo algunhas noites á beira do trampolín. Mais roubáronlle as velas e trouxo moitos sinsabores, polo que Clemente Echeverría mandou sacalo da auga. E así, o barquiño, fóra do mar, acantoado na praia, foi perdendo as enerxías, exposto aos ventos do inverno e os ardores do verán.

Cando xa morría de vellez e de mágoa, visitárono unha tarde de xullo de 1945 os mozos Xan Manuel, Coca, Martín, Xan, Xaime Illa e o seu amo Clemente (un deles, Martín, condecorado despois coa medalla do mérito naval). E como coidaron da súa lembranza do mar, mandárono reparar polo carpinteiro Lorenzo para botalo de novo á auga, xa vello cos sufrimentos mais sempre animoso, un memorable día do mes de agosto do verán do corenta e cinco (pintadiño de branco por Coca e algúns –mais ben poucos- afeccionados á pintura).

E deste xeito, coas velas remendadas e cheo sempre de boa xente, ás ordes do Merlo foi o asombro das andoriñas da escola naval e de todos cantos barcos andaban por aquela ría. Si, non hai dúbida que era un asombro, pois aínda que a auga lle entraba polos mil buracos que tiña e que o vento en vez de animalo a correr xogaba con el no medio do mar, nunca aconteceu ningunha desgraza, sempre chegaba ao peirao no mesmo instante de mergullarse. E era xa tan velliño que tardou unha tarde enteira en dar a volta á illa de Tambo!

Acabouse o verán e ficou o balandro só, ao coidado do Merlo, soñando na doce abra da Santa Mariña. E unha noite fría e ventosa do mes de xaneiro deste ano, afogouse aí. Morreu a causa dun forte temporal e polos malos tratos do Merlo.

As súas pobres madeiras descansan xa para sempre no fondo daquelas tranquilas augas.”

Se cadra, aínda que a vida e naufraxio do balandro pode interpretarse como unha metáfora do nacionalismo en Galiza tras a Guerra Civil, debemos lembrar o leitmotiv co que Xaime Isla animou e motivou os esforzos de reconstitución do Partido Galeguista: a realización no fracaso, en expresión tomada do filósofo alemán Karl Jaspers. Será precisamente naquel xullo de 1945 en que o balandro milagreiramente volva navegar, cando o Partido Galeguista dea un sinal de reconstitución organizativa no interior coa asemblea de Coruxo, onde Xaime vén sendo nomeado o seu secretario técnico. Nese mesmo ano, o Ramiro actuaba paralelamente como representante do Consello de Galiza en Bogotá e como enlace cos vascos e cataláns, facendo de vez proselitismo da Causa entre o feixe cativo de galegos residentes en Colombia.

E estamos ben certos de que nunha beira e noutra do Atlántico, nas súas responsabilidades nacionalistas, os irmáns Isla Couto, sempre gardaron no corazón a memoria dos irmáns e amigos que perderon a vida polo machadazo brutal da Guerra Civil, como os mártires do 12 de novembro de 1936 na Caeira.

1. O médico Luis Poza Pastrana e o mestre Benigno Rey Pavón eran naturais de Pontevedra. Con 27 anos de idade foronxulgados en Pontevedra por traizón co resultado de sentenza a pena de morte. Fusilados o 12 de novembro de 1936 na súa vila natal, as súas mortes ficaron rexistradas oficialmente como hemorraxia interna e colapso cardíaco respectivamente.

Comentarios