martes 28/09/21

Delgado Gurriarán será o homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2022

O poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, EUA, 1987) será o homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022. Así o decidiu esta sexta feira o Plenario da Real Academia Galega, que elixía entre a candidatura do valdeorrés, de Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952-Lugo, 1997) e a conxunta de Ánxel Casal e de Federico García Lorca.

Florencio Delgado  Gurriarán
Florencio Delgado Gurriarán será o homenaxeado co Día das Letras Galegas en 2022.

Florencio Delgado Gurriarán, escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México, será a persoa homenaxeada en 2022 co Día das Letras Galegas. Decidiuno na mañá da sexta feira o Plenario da Real Academia Galega, con 14 votos a favor.

A candidatura de Fiz Vergara Vilariño recibiu catro votos, os mesmos que os da candidatura conxunta de Ánxel Casal e Federico García Lorca.

Delgado Gurriarán licenciouse en Dereito na Universidade de Valladolid e exerceu como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933, ingresou no Partido Galeguista, do que chegou a ser secretario de Propaganda. Precisamente, debido á súa militancia política tivo que exiliarse após o golpe de Estado. Chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939, fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os exiliados a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou Elixio Rodríguez.

Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que desde moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.

Foi un dos fundadores da revista Vieiros, da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto. Durante a época de conformación de Vieiros, o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 mantivo unha especial relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto

Membro numerario da Real Academia Galega, promoveu iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953) e a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de doutras publicacións de carácter político e cultural. Asinou artigos xornalísticos baixo os pseudónimos Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.

Obra poética

Entre a súa obra destacan o poemario Bebedeira (1934); a Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949), en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández; Galicia infinda (1963); Cantarenas. Poemas (1934-1980), de 1981, e O Soño do Guieiro. Opúsculos de poesía (1986). Tanto en Cantarenas como n’O soño do guieiro hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes.

"A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galiza do exilio republicano en México", sinala a Academia nun comunicado enviado aos medios.

A entidade presidida por Víctor Freixanes lembra que México foi un país en que Delgado Gurriarán e outros colegas "desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea".

comentarios