Un mecenas alén da arte

Os outros legados de Álvaro Xil

Aínda que só transcendeu o seu papel como mecenas no mundo da arte, o legado de Álvaro Xil Varela foi alén e deixou a súa pegada no ámbito editorial, financiou parte da actividade do nacionalismo e a súa estrutura clandestina, apoiou as familias dos mártires galegos ou aos traballadores do naval de Vigo e Ferrol nas folgas de 1972.

Álvaro Xil Varela
photo_camera Álvaro Xil Varela

O Museo Provincial de Lugo non se entende sen o contributo de Álvaro Xil. As súas primeiras achegas ao fondo do museo remóntanse á segunda metade da década dos corenta, cando procede a doazón dunha colección de louza de Sargadelos, acibeches e un gravado de Castro Xil. Membro da Xunta Rectora do museo, vai promover e financiar, xunto aos Fernández López, as obras de reforma do antigo convento de San Francisco como nova sede do mesmo, de cuxo proxecto se encargará o arquitecto e antigo secretario xeral do Partido Galeguista Manuel Gómez Román.

Á altura de 1958, canda os irmáns Antonio e Xosé Fernández López, antigos compañeiros de militancia nacionalista, fundadores de Zeltia, Antibióticos ou Pescanova e principais accionistas dalgunhas das empresas nas que participaba, aportan á institución catro frontais dun baldaquino gótico pontevedrés. Á volta de 1965, achega unha colección dunha acuarela e dezanove debuxos de Castelao co obxectivo de abrir no museo unha sala monográfica dedicada ao de Rianxo, a quen consideraba “o home máis importante de todos os tempos de Galiza”.

Alén da colección de ourivería, que depositou no Museo en 1974 nunha sala acondicionada por el mesmo, após mercar o groso das pezas á familia Blanco Cicerón para evitar que saíse de Galiza, as súa pegadas están presentes noutras pezas do fondo da institución provincial. Un exemplo disto, son os cadros que conformaron a Sala de Arte Catalán ou os de Xesús Corredoira, aquel pintor lugués do que tanto gustou Álvaro Xil e a quen lle dedicou un dos seus poucos artigos coñecidos nas paxinas da revista vangardista Ronsel.

Non aforrou esforzos no apoio ás familias dos mártires galegos

Álvaro Xil foi unha peza chave no proceso de restauración da cultura galega após 1936. Xosé Bieito Abraira, o nacionalista de Meira emigrado en Bos Aires, após reunirse con el en Madrid en 1950, nun informe para o Consello de Galiza afirmaba que “Gasta diñeiro, moito diñeiro, pois a sua axuda abarca dende a matenzón dos presos galeguistas deica a financiación ou contribución importante en empresas como “Galaxia”, Bibliófilos Gallegos, proteución a artistas e escritores galeguistas, alentando os nosos patriotas e axudándoos en canta iniciativa teñen en pro do ideal. Según referencias de Ben-Cho-Sei, que logo me ratificaron en Galiza iste home gasta anualmente nas aitividades patrióticas alguhas ducias de miles de pesetas”.

Grande amigo da arte, contaba cunha pinacoteca de máis de oitocentos cadros, estivo presente nunha manchea de iniciativas culturais como Ronsel nos anos vinte, Seminario de Estudos Galegos, Bibliófilos Gallegos, Galaxia, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información ou nos padroados do Museo de Pontevedra e Lugo. Presidente de Gráficas Galicia, a imprenta de Galaxia que el mesmo financiou, xogou un papel determinante na posta en marcha desta editorial, costeando do seu peto a edición do primeiro volume publicado pola mesma, Antífona da Cántiga, de Ramón Cabanillas. Outro tanto acontece con publicacións promovidas desde os círculos exiliados de Arxentina, sendo destacado o seu apoio a libros como As cruces de pedra na Galiza de Daniel Castelao, Grandeza y decadencia del Reino Galicia, de Emilio González López ou Vida paixón e morte de Alexandre Bóveda, de Xerardo Álvarez Gallego.

Viviu e morreu no galeguismo. Á altura de 1974, nunha entrevista concedida a Francisco Rivera, afirmaba, “era del partido galleguista, y sigo siéndolo; ahora no hay partido, pero en fin… yo sigo teniendo un alto sentido de la galleguidad y quiero para mi tierra todo lo mejor”. Porén, a súa executoria patriótica arranca dunha temperá militancia nos primeiros anos vinte na feble Irmandade da Fala de Lugo, xunto a Correa Calderón e Xesús Bal e Gai, que terá continuidade nesa mesma década na Mocidade Céltica de Madrid, dirixida por Fermín Penzol. Instalado en Pontevedra, era funcionario da Deputación e traballaba na Misión Biolóxica, fixo parte do núcleo fundador do Partido Galeguista, sendo membro do seu Consello Local e Nacional, así como persoa de máxima confianza de Alexandre Bóveda.

Destacado na resistencia ao golpe franquista na cidade, será depurado do seu posto de traballo após o trunfo do alzamento e rematará confinado no campo de concentración da Illa de San Simón. Residente en Madrid, a partir da década dos corenta, continúa a súa militancia patriótica facendo parte da delegación madrileña do Partido Galeguista canda Ben-Cho-Shey, Fermín Penzol ou Evaristo Mosquera e colaborando na loita antifascista. Así, foi unha peza chave no mantemento económico da estrutura clandestina do nacionalismo, financiando boa parte da súa actividade, achegando o diñeiro necesario para sufragar os gastos de Ramón Piñeiro, naquel momento liberado do Partido, até o punto de que o de Láncara reclamaba da estrutura da organización “unha maior eficacia na recadación das cotas xa que me resulta violento sangrar ao Xil como o sangramos”.

Foi chave no mantemento económico do nacionalismo na clandestinidade

Non esqueceu a súa condición de represaliado e actuou en consecuencia. Cando lle preguntaban en 1973 nas páxinas do Faro de Vigo pola súas orixes como empresario, non dubidaba en contestar que “Esto fué condicionado por la guerra. Yo fui expulsado de mi trabajo en la Diputación de Pontevedra porque era del Partido Galleguista”. Se facemos caso ás testemuñas dos seus coetáneos, Álvaro Xil non aforrou esforzos no apoio ás familias dos mártires do galegos nin na solidariedade coas vítimas do franquismo. Así Ben-Cho- Shey nos seus diarios, lembraba as visitas que na súa compaña lle facía aos fillos de Alexandre Bóveda, na altura residentes en Madrid nunha residencia para orfos de funcionarios de facenda, e como compartían merendas e paseos con Xosé Luís Bóveda Álvarez. Alfredo Somoza, fundador das Irmandades da Fala e membro no exilio do Consello de Galiza, nas súas memorias deixou escrito como Álvaro Xil é quen facilita a súa fuxida da Coruña en 1947 cara a Francia e, posteriormente, ao Uruguai, após once anos agochado e escapando da persecución franquista nesta cidade. Xosé Bieito Abraira, afirmaba nun informe ao Consello de Galiza que “Xil corre coa mantenza dos presos galeguistas, como xa comprobara Prada, colaborando de xeito dilixente co Ben- Cho Shey e a súa muller”. Bautista Álvarez, cofundador da UPG e do BNG, recordaba como en compañía de Ben-Cho-Shey, acudía ao despacho de Álvaro Xil para recadar fondos para a caixa de resistencia dos obreiros de Ferrol e Vigo coincidindo cos folgas de 1972. Unha mención especial merece Virxinia Pereira, a viúva de Daniel Castelao, quen retornada do exilio arxentino atopara o apoio económico de Álvaro Xil nos seus últimos momentos en Madrid. Agora ben, como deixou escrito Xosé Bieito Abraira, no seu informe reservado ao Consello de Galiza de 1950, “Don Alvaro Xil, “Alvariño” –como lle chaman cariñosamente os patriotas– non é somentes un “home de cartos”. É un patriota de primeira”.

[Esta peza foi publicada no A FONDO Álvaro Xil Varela e a colección de ourivaría no Museo de Lugo, no Sermos Galiza 219, á venda na loxa]

Comentarios