Máis de 3.000 firmas instan o Estado a recorrer o fallo sobre Meirás

Os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, acompañados de asinantes e colectivos, entregaron os apoios na Delegación do Goberno español na Galiza.

Entrega das sinaturas diante da Delegación do Goberno español na Galiza (Nós Diario)
photo_camera Entrega das sinaturas diante da Delegación do Goberno español na Galiza (Nós Diario)

Máis de 3.000 sinaturas reuniron os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, para instar o Goberno español a recorrer o fallo sobre o Pazo de Meirás que obriga a compensar aos herdeiros de Franco e recoñece o seu dereito a unha indemnización.

Acompañados de representantes de entidades e colectivos de memoria histórica, presentaron este sábado os apoios na Delegación do Goberno español na Galiza.

Ambos os historiadores, promotores do manifesto Volver pagar polo roubado, que afonda no paso atrás que indican que representa para a defensa da democracia e a memoria a sentenza emitida o pasado 12 de febreiro, e as persoas que o apoiaron reclaman ao Estado que interpoña recursos ante o Tribunal Supremo para defender o interese público e os valores democrático que debe representar á sociedade, ademais de "como débeda histórica ás vítimas do Franquismo".

Na petición participaron, ademais de persoas a título individual, máis de 100 entidades, asociacións e colectivos de toda Galiza.

As persoas e colectivos asinantes lamentan que “no momento en que avanzabamos na ruptura co relato sobre a historia do Pazo de Meirás creado e difundido pola ditadura, unha sentenza colabora na consolidación de elementos dese relato e resolve que hai que indemnizar a familia Franco por un ben do que gozou sen que lle correspondese.

Da mesma maneira, solicitan o apoio da Xunta, a Deputación coruñesa e os concellos implicados para instar o Goberno español a reconsiderar a súa postura e a usar todas as ferramentas na súa man para evitar esta "distorsión da realidade", como é que a familia do ditador era posuidor do Pazo "de boa fe".

"Proxecta unha imaxe de Franco allea ao relato historiográfico para volver pagar polo que foi roubado, insultando, máis dunha vez, a memoria de tantas persoas que tiveron que padecer décadas de insultos e de complicidades do Estado cos herdeiros do ditador", engaden .

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios