A Deputación da Coruña considera unha "provocación" da Xunta pedir entregar os premios Pardo Bazán o 8-M en Meirás

Iniciativa  Galega  pola Memoria cualifica de "burla" a pretensión do Goberno galego

Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).

A Xunta quere realizar a entrega das Medallas Pardo Bazán, galardón co que premia as entidades e persoas que traballan pola igualdade, o 8 de marzo no Pazo de Meirás.

O Goberno galego solicitou ao Estado celebrar este acto nos xardíns de Meirás "polo seu simbolismo e vinculación" coa escritora que dá nome aos galardóns e que "loitou pola igualdade nos seus tempos". O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Luís Penas, considera en declaracións á Cadena Ser que a petición da Xunta é unha "provocación".

Lembra que o Pazo aínda non abriu ao público e cando chegue ese momento terá que ser unha homenaxe á democracia.

A maiores, a Iniciativa  Galega  pola Memoria tacha de "burla" que a Xunta trate de inaugurar Meirás cun acto "alleo" á memoria. Fala dunha nova "utilización retorta" do feminismo e da figura de Emilia Pardo Bazán para tratar de que o Pazo de Meirás sexa inaugurado cun acto "totalmente alleo" á memoria histórica.

Así o sinala nun comunicado remitido aos medios: "O feito de que non se escolla inauguralo cun recoñecemento ás vítimas do franquismo e á propia loita en contra da impunidade e o esquecemento é unha burla á memoria", sinala.

Comentarios