mércores 14/04/21

O Concello da Coruña anuncia que recorrerá a sentenza sobre Meirás

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insta o Goberno de Sánchez a non facer agasallos aos herdeiros do ditador Francisco Franco.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. (Foto: Nós Diario)
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, adiantou a decisión do seu Goberno de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o Pazo de Meirás que ratifica o carácter público do inmóbel mais que obriga a indemnizar os herdeiros do ditador, Francisco Franco, polos gastos contraídos desde 1975, ao considerar que actuaron de “boa fe”.

As palabras da rexedora coruñesa chegan tras coñecerse a decisión da Avogacía do Estado e da Xunta da Galiza de aceptar o auto. A este respecto, Rey sinala que respecta “as posicións procesuais de todas as partes” mais “entendemos que é susceptíbel de ser recorríbel” a resolución.

“É complicada de entender e de explicar esa parte da sentenza onde se fala de posesión de boa fe e esa obriga de indemnizar quen non era lexítimo dono do pazo", engadiu Rey, lembrando que agarda que o Tribunal Supremo admita o recurso de casación, demandado de maneira insistente polo movemento da memoria. 

O Concello da Coruña é a terceira Administración pública que manifesta a súa vontade de recorrer a última sentenza sobre Meirás. Así, con anterioridade, a Corporación de Sada fixo público un anuncio nesa mesma dirección, tras cualificar o veredicto de “inaudito”. Na mesma liña, o Goberno da Deputación da Coruña sinalou na pasada cuarta feira accións contra a resolución da Audiencia, ao entender que os herdeiros do ditador “xa se beneficiaron durante moitos anos a nivel particular do uso dun edificio público”.
Ana Pontón, en Meirás

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse hoxe a Meirás (Sada) para instar o Goberno do Estado a presentar un recurso de casación contra a sentenza e a desmentir con feitos as dúbidas que están xurdindo sobre a súa actuación no proceso. 

“Son cada vez máis as voces que alertan sobre un posíbel pacto oculto entre Goberno e os Franco para non presentar ese recurso e agardamos que, pola vía dos feitos, se desminta esta posibilidade recorrendo a sentenza e fechando o camiño a calquera agasallo xurídico aos que se beneficiaron durante décadas dun espolio e que intentan facerse de novo con inmóbel roubado”, salientou Pontón.

“Non podemos pagar dúas veces pola devolución dun ben roubado e por iso reclamamos ao Goberno de Sánchez que rectifique a decisión de non recorrer esa sentenza vergoñenta desde o punto de vista democrático pero que, ademais, supón un agasallo xurídico para a familia Franco”, concluíu a dirixente nacionalista.

comentarios