A Deputación da Coruña e o Concello de Sada, a prol de recorrer a sentenza sobre Meirás

A delegación do Goberno di que o Estado "acata as sentenzas e lévaas á práctica". Outras institucións rexeitan o pago dunha indemnización aos Franco.
Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).

"Se hai algunha posibilidade de recorrer, recorreremos". Así o notificou esta quinta feira o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, após coñecerse que a Avogacía do Estado non presentará ante o Tribunal Supremo un recurso de casación no que respecta á indemnización á familia Franco.

"Non podemos asumir aínda por riba ter que indemnizalos por unha actitude que non foi responsábel coa sociedade", xustificou.

Tamén reaccionou a esta nova dun modo crítico o Concello de Sada, que a través de un comunicado cualificou de "inaudito" que o Estado renuncie ao recurso.

"Non facelo compromete as accións das outras partes e o futuro doutras demandas en relación co patrimonio retido polos Franco", afirmaron.

O Goberno estatal "acata" a sentenza

Pola súa banda, o delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, apuntou a respecto deste asunto que serán os "servizos competentes do Estado" quen valoren "no seu momento" esta cuestión.

"O Goberno acata as sentenzas e lévaas á práctica", salientou, facendo fincapé en que se actuará "conforme o que ditaminan as sentenzas xudiciais".

Así mesmo, dixo que con este veredicto, que recoñece a propiedade pública do pazo, "recupérase a democracia".

Comentarios