sábado 19/06/21

A Fundación Rosalía e o Museo do Pobo piden dignidade para o Panteón de Galegos Ilustres

Os presidentes das organizacións, Anxo Angueira e Justo Beramendi, realizaron unha ofrenda florar co gallo do 130 aniversario do traslado dos restos de Rosalía ao mausoleo
Justo Beramendi e Anxo Angueira no acto. (Foto: cedida)
Justo Beramendi e Anxo Angueira no acto. (Foto: Cedida)

Co gallo do 130 aniversario do traslado dos restos de Rosalía de Castro ao Panteón de Galegos Ilustres, os presidentes da Fundación Rosalía de Castro e do Museo do Pobo Galego, Anxo Angueira e Justo Beramendi, respectivamente, realizaron na mañá de hoxe unha ofrenda floral no mausoleo dentro da igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela.

Na rolda de prensa posterior ao acto que lembraba a consagración de Rosalía como emblema nacional, os presidentes cualificaban de “raro” o Panteón de Galegos Ilustres porque “nestes 130 viviu nun baleiro normativo absoluto, xa que non existe unha norma municipal, autonómica ou estatal que regule o funcionamento e a financiación do mausoleo que está a vivir unha situación indigna dun monumento símbolo da identidade galega”, aseveraba o presidente do Museo do Pobo Galego. 

Tanto Beramendi como Angueira reclamaron o desbloqueo da Proposta de Lei do Panteón da Galiza que, por iniciativa do Museo do Pobo Galego, presentou o Consello da Cultura Galega en 2011, consensuada con outras institucións culturais como a Real Academia Galega, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao, ademais do propio Museo do Pobo Galego e a Fundación Rosalía. 

Nesta proposta estabelecíase que o Panteón “quedaba baixo a tutela do Parlamento da Galiza, regulaba as condicións e mecanismos de acceso de figuras ao lugar, expondo que non podía pasar menos de 50 anos desde a morte até que se propuxese o seu traslado, indicando que a igrexa e o que a circunda fose rehabilitada adecuadamente, mais tamén que non todas as mulleres e homes ilustres galegos merecedores están congregados no mausoleo”, resumía Beramendi.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía de Castro salientaba a importancia do aniversario do traslado dos restos da escritora, “un acto que orixinou o Panteón e que mesmo vinculou unha vez máis o mundo da emigración coas grandes conquistas feitas na Galiza”.

Angueira insistiu en que "as circunstancias actuais do mausoleo non son dignas e por iso nos xuntamos, para chamar as institucións coa fin de que velen polos símbolos galegos como é este lugar".

Ademais, puxo enriba a mesa a idea de poder chegar a un acordo co arcebispado de Compostela para poder darlle dignidade ao Panteón. "Hai espazos eclesiásticos que teñen unha actividade civil que non sempre ten que ver coa cultura e, entre todos, debemos darlle a dignidade que merece a este espazo", concluíu.

comentarios