130 aniversario do traslado dos restos de Rosalía de Castro a Bonaval

A polémica sobre o desleixo co Panteón de Galegos Ilustres volve da man de Rosalía

É un dos símbolos máis representativos da Galiza e acolle os restos dos seus vultos máis ilustres, Castelao e Rosalía, mais o seu estado continúa a ser cuestionado. O Panteón de Galegos Ilustres permanece baixo a tutela da Igrexa e sen o recoñecemento institucional reclamado desde hai unha década.
Sepulcro de Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres. (Foto: Xosema)
photo_camera Sepulcro de Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres. (Foto: Xosema)

Hai mañá 130 anos, o 25 de maio de 1891, os restos de Rosalía de Castro foron trasladados por un grupo de próceres, co apoio da Sociedade Económica de Amigos do País, desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, Padrón, até o convento de San Domingos de Bonaval. Na capela lateral esquerda da igrexa, un mausoleo sufragado por emigrantes galegos en Cuba e esculpido por Jesús Landeira Iglesias acollía os restos de quen fora “groria da súa patria”. Nacía así o xermolo do Panteón de Galegos Ilustres. Co tempo, foron trasladándose alí os restos Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Castelao e, finalmente, Domingo Fontán. 

A celebración do 130 aniversario podería ser festexada in situ pola cidadanía, mais as portas do Panteón permanecen fechadas desde que comezou a pandemia. O Arzobespado, propietario do lugar, alega cuestións de loxística para non abrir un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que garda simbolicamente a memoria da historia e a identidade da Galiza.

Unha proposta con máis de dez anos: un Panteón laico  

San Domingos de Bonaval pasou a ser propiedade do Concello de Santiago en 1837, grazas á Lei de Desamortización de Mendizábal, sen que durante máis dun século a Igrexa mostrase inconveniente ningún á nova titularidade. Mais á morte do ditador Francisco Franco iniciou un litixio que rematou, despois de tres décadas, cunha sentenza do Tribunal Supremo que lle permitía recuperar a propiedade do convento. O Museo do Pobo Galego xa se estabelecera alí e custodiaba as chaves do Panteón, ao que se accede a través do claustro. O primeiro que fixo o Arcebispado tras recobrar a titularidade do edificio foi fechar o Panteón durante semanas para forzar a Xunta de Galiza a asinar un pacto que regulase o seu uso. 

En xullo de 2010, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, asinaban un convenio que permitía incluír a visita ao Panteón dos Galegos Ilustres dentro do funcionamento do Museo do Pobo Galego e dáballe a potestade á Xunta de utilizar o espazo para a celebración de actos institucionais durante cinco días ao ano dentro "do respecto á natureza da Igrexa". 

Desde entón, colectivos culturais e civís e partidos políticos veñen reclamando periodicamente que o Panteón pase a ser de titularidade pública e de libre acceso. 

O Consello da Cultura mesmo chegou a presentar no Parlamento unha Proposta de Lei do Panteón da Galiza que o configuraba como “unha Entidade de Dereito Público, parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e elemento singular da súa identidade”, adscrita ao Parlamento e que foi elaborada xunto coa Real Academia Galega, o Museo do Pobo e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas.

A proposta foi ben acollida polos distintos grupos políticos e polo mesmo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, que anunciou que promovería esa lei. Mais a realidade foi outra: o proceso nunca chegou a culminar. 

O BNG fixo súa a reivindicación e en 2011 elevou unha iniciativa parlamentar na que lle reclamaba ao Goberno galego que negociase coa Igrexa a cesión do Panteón. A petición non foi apoiada polo PP nin polo PSdeG, que recoñecían así os dereitos da Igrexa sobre o recinto. En 2015 presentou outra iniciativa na que se reclamaba “adoptar as medidas necesarias para garantir a titularidade e uso civil do Panteón de Galegos Ilustres”, por terse convertido nun espazo “no que lembrar digna e colectivamente a aquelas persoas máis relevantes na historia do pobo galego”. Só recibiu o apoio de AGE.

Sen solucións á vista

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, declaraba nun acto que celebrara o Día de Rosalía, en 2016, no Panteón: “Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”. Esa cruel realidade permanece inmutábel: un dos símbolos máis representativos da nación permanece na escuridade e sen que se albisquen solucións pola determinación duns e a omisión doutros. 

O Panteón de Galegos Ilustres, escenario de momentos simbólicos na Historia da Galiza

O traslado dos restos de Rosalía naquel mes de maio de 1891 adquiriu un carácter duplamente simbólico ao ser o primeiro acto coñecido en que a actual bandeira da Galiza ondeou por primeira vez. O simbolismo repetiuse máis de 90 anos despois, mais baixo outro signo radicalmente distinto, cando o traslado dos restos de Castelao desde o cemiterio bonaerense da Chacarita foi interpretado por moitos como unha operación política para lexitimar o novo réxime autonómico.

Un sector do nacionalismo opúxose radicalmente a aquel regreso do rianxeiro -malia que a iniciativa partira do deputado, daquela de Esquerda Galega, Camilo Nogueira- e a cerimonia rematou cunha brutal carga das forzas da orde pública contra os manifestantes que protestaban pola utilización da súa figura.

Comentarios