Estes son os 45 símbolos franquistas que aínda perduran en Ferrol

O colectivo de presos e presas da ditadura demanda da corporación municipal o "compromiso" de retiralos antes das eleccións de maio.
O colectivo presentou as súas demandas esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O colectivo presentou as súas demandas esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
  1. Simboloxía franquista en Ferrol

O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol durante a ditadura vén de remitir un escrito ao alcalde, Ángel Mato, e ao resto de forzas políticas representadas na corporación para demandar a retirada dos 45 símbolos franquistas que aínda seguen presentes no municipio. Son, en concreto, 16 esculturas, placas e escudos; catro nomes de rúas, e 25 honras e distincións. Inclúen tamén na listaxe retratos e homenaxes ao rei Juan Carlos I: "Nunca condenou a ditadura franquista, manifestou admiración polo ditador e estaba moi agradecido a Franco. Por iso, seis días despois do seu falecemento concedía por decreto títulos nobiliarios á familia, Ducado de Franco e Señorío de Meirás".

"Consideramos que manter hoxe en Ferrol esa simboloxía franquista é unha ilegalidade e unha humillación para as vítimas do franquismo, tamén para os familiares de aqueles militares que foron asasinados por defender o goberno lexítimo da República", sinalan na misiva, asinada por persoas vítimas da represión franquista e apoiada por diferentes persoeiros do ámbito da cultura, a memoria e a historia.

Demandan tamén un "compromiso" do pleno para eliminar das rúas ferrolás toda esta simboloxía antes das eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, así como para inaugurar o Memorial ás vítimas do fascismo antes desa data.

Precisamente neste proxecto, que recuperará do esquecemento os nomes das persoas asasinadas polo réxime de Francisco Franco nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, están a traballar membros do colectivo de persoas presas, que vén "contraditoria" a instalación deste monumento "coa permanencia de rúas e distincións" aos responsábeis deses mesmos crimes ou que participaron da sublevación de 1936, da represión ou ocupando cargos públicos relevantes na ditadura.

"Non podemos esquecer que despois da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, foron asasinadas máis de 1.000 persoas na nosa comarca, entre elas os alcaldes Xaime Quintanilla Martínez e Alejandro Porto Leis (alcalde de Serantes, hoxe integrado en Ferrol) e o Contralmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal Militar. Non podemos esquecer que, despois de finalizada a chamada guerra civil, na Galiza un xenocidio, o fascismo fusilou a 200.000 persoas en todo o Estado e 750.000 estiveron en cárceres e campos de concentración", inciden.

Simboloxía franquista en Ferrol

Fillo predilecto

  • José María González-Llanos y Caruncho. Fillo Predilecto (3-6-1968). Militar, participa na sublevación de 1936. Condecorado coa “Medalla de la Campaña (1936-1939)”.
  • Francisco Núñez Rodríguez. Fillo Predilecto (4-12-1967). Militar golpista. Almirante da Armada na ditadura. Foi un dos promotores do golpe de Estado de 1936 en Ferrol. Almirante da Armada. Capitán Xeneral de Ferrol na ditadura até abril de 1968.
  • Francisco Franco Salgado-Araujo. Fillo Predilecto (3-3-1965). Militar golpisa, estreito colaborador do seu curmán Francisco Franco. Tenente Xeneral na ditadura (1953). Xefe da Casa Militar de Francisco Franco en 1954. Capitán Xeneral da V Rexión Militar con sede en Zaragoza.
  • Pablo Martín Alonso. Fillo Predilecto (7-6-1961). Militar golpista. Ministro do Exército na ditadura e Tenente Xeneral.
  • Pedro Nieto Antúnez. Fillo Predilecto (3-5-1961). Militar golpista. Almirante e Ministro de Mariña na ditadura.
  • Juan Antonio Suanzes Fernández. (Marqués de Suanzes desde 1960). Fillo Predilecto (12-5-1952). Militar golpista. Ministro de Industria e Comercio na ditadura (1938-1939 e 1945-1951). Xeneral de División.
  • Salvador Moreno Fernández. Fillo Predilecto (2-5-1949). Militar golpista. Almirante e Ministro de Mariña na ditadura.

Fillo adoptivo

  • Bejamín de Arriba y Castro. Significada figura da igrexa franquista. Bispo de Mondoñedo (1935-1944), Oviedo (1944-1949) e arcebispo de Tarragona (1949-1970).
  • Juan Cardona Rodríguez. Fillo Adoptivo (3-12-1973). Alístase en 1936 como voluntario no exército sublevado. Voluntario na División Azul, recibe a Cruz de Ferro polos servizos prestados ao exército nazi.
  • Gonzalo Fernández de la Mora y Mora. Fillo Adoptivo (18-6-1973). Monárquico e militante da extrema dereita. Ministro de Obras Públicas na ditadura (1970-1974).
  • Enrique Salgado Torres. Fillo Adoptivo (4-12-1967). Falanxista e participante na represión. Voluntario no exército sublevado. Director do Instituto Nacional da Vivenda.
  • José María Martínez y Sánchez-Arjona. Fillo Adoptivo (4-12-1967). Falanxista. Ministro da Vivenda na ditadura (1960-1969).
  • Manuel Lora Tamayo. Fillo Adoptivo (4-4-1967). Ministro de Educación na ditadura (1962-1968).
  • José María López Ramón. Fillo Adoptivo (2-3-1963) e Alcalde de Honra. Militar golpìsta, xornalista e Alcalde de Ferrol (1959-1963). Procurador nas Cortes franquistas e Gobernador Civil de Ourense.
  • Jorge Vigón Suerodíaz. Fillo Adoptivo (8-2-1958). Militar implicado no golpe de Estado de 1936. Ministro de Obras Públicas na ditadura (1957-1967).
  • Fernando Suárez de Tangil y Angulo, Conde de Vallellano. Fillo Adoptivo (3-1-1952). Implicado no fracasado golpe de Estado do Xeneral Sanjurjo en agosto de 1932. Participante na sublevación de 1936. Ministro de Obras Públicas na ditadura (1951-1957) e presidente do Consello de Estado en 1958.
  • Eduardo Ballester Peris. Fillo Adoptivo (xaneiro 1941). Avogado. Alcalde de Ferrol na ditadura (1939-1947).
  • Pedro Barrié de la Maza. Fillo Adoptivo, (16-6-1967). Empresario, banqueiro, franquista e participante na represión (depuración do persoal do Banco Pastor após 1936). Financiou o exército de Franco. Participou no roubo do Pazo de Meirás e da Casa Cornide da Coruña, para proveito persoal da familia Franco.

Medalla de Ouro

  • Juan Antonio Suanzes Fernández
  • Rei Juan Carlos

Medalla de Prata

  • Gonzalo Fernández de la Mora y Mora
  • José María González-Llanos y Caruncho

Alcalde de Honra

  • Constantino Lobo Montero. Participa como comandante no exército sublevado en 1936. Gobernador Militar de Ferrol. Xeneral de División na ditadura en 1962.
  • José María López Ramón

Retratos

  • Juan Carlos I

Esculturas, placas e escudos

  • Escultura de Camilo Alonso Vega, na entrada do hospital Juan Cardona, que o define como "Hijo Ilustre de la ciudad". Participante na sublevación de 1936. Capitán Xeneral, Director Xeral da Garda Civil ministro da Gobernación (1957-1959).
  • Estatua de José María González-Llanos na avenida de Esteiro.
  • Placa Cardenal Arriba y Castro, na fachada da igrexa de San Francisco. Ver Fillo Adoptivo.
  • Cruz dos  “Caidos por Dios y por España” na igrexa de San Francisco.
  • Placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares, na igrexa de San Francisco.
  • Placa franquista na praza de España con referencia a "nuestro caudillo".
  • Placa na casa natal de Franco, no nº 136 da rúa María.
  • Tumba da familia Franco no cemiterio de Catabois. O Pleno de 30 de xullo de 2018 pronunciábase pola súa recuperación para o patrimonio municipal.
  • Escudo franquista na fachada do cuartel Sánchez Aguilera.
  • Escudo franquista na sede da Aduana, na fachada do Paseo da Mariña.
  • Escudo franquista no edificio da Aduana, na fachada da Rúa do Cristo.
  • Nome do Hospital Juan Cardona no barrio de Caranza.
  • Busto do rei Juan Carlos na fachada do palacio municipal
  • No monumento á expedición Plus Ultra, no Cantón de Molist, figura unha referencia a Ramón Franco: "1492-1926. A la madre España. La patria del comandante Franco. El Comité Nacional de Homenaje de la República Oriental del Uruguay".
  • Placa na igrexa de San Xiao con referencia a "D. Francisco Francisco Franco Bahamonde, jefe del Estado Español hijo preclaro de El Ferrol".
  • Estandarte dun Reximento, na entrada ao salón de plenos do palacio municipal, con referencia a súa participación no exército sublevado.

Rúas

  • Pedro Barrié de la Maza.
  • Peirao Fernández Ladreda. Participou na sublevación de 1936. Ministro de Obras Públicas (1945-1951).
  • Juan Cardona
  • Soldado Lois.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios