Exixen ao Concello de Ferrol que retire as honras a militares franquistas

"É un traballo que está sen rematar porque aínda queda en Ferrol simboloxía franquista que depende de Defensa e por iso presentamos esa moción, solicitando ao alcalde que podamos defendela no Pleno".
Imaxe de arquivo do Arsenal Militar de Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo do Arsenal Militar de Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura vén de anunciar que presentou unha proposta de moción para exixir ao Concello de Ferrol a eliminación da simboloxía franquista na vila, após a retirada polo Ministerio de Defensa de nove rúas franquistas do Arsenal Militar.

Como sinala a asociación nun comunicado, valora positivamente a decisión de Defensa, pero "é un traballo que está sen rematar porque aínda queda en Ferrol simboloxía franquista que depende de Defensa e por iso presentamos esa moción, solicitando ao alcalde que podamos defendela no Pleno".

Cita tamén dous casos para exemplificar ese "traballo sen rematar". En primeiro lugar, o colectivo afirma que "non ten ningún sentido que Defensa retire a rúa Salvador Moreno do Arsenal e o Concello de Ferrol  aínda manteña a este militar golpista a distinción de Fillo Predilecto".

En segundo lugar, sinala que "tampouco ten ningún sentido que se retire a rúa González Llanos do Arsenal e que José María González-Llanos y Caruncho, militar golpista, sexa Fillo Predilecto e teña unha estatua nunha rotonda do barrio de Esteiro".

Outras peticións

Desde a asociación tamén piden que o Goberno municipal de Ferrol realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para que se retire da igrexa castrense de San Francisco a cruz dos “CaÍdos por Dios y por España”, así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Xeneralísimo”.

Asemade,o colectivo de presas e presos políticos de Ferrol insta o goberno municipal a que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariño Ilustres de San Fernando, en Cádiz.

Por último, solicitan que o Ministerio de Defensa retire da igrexa de San Franciso unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares con este texto: “La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caidos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡¡Presentes!!”.

Comentarios