Preparan a exhumación de tres novas foxas comúns na Galiza

No país hai aínda decenas de foxas pendentes de intervir para buscar persoas asasinadas polas tropas falanxistas.
Labores de exhumación nunha foxa común do franquismo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera Labores de exhumación nunha foxa común do franquismo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

O Goberno español achegará á Xunta da Galiza unha partida de 104.161,33 euros para a "busca, identificación e dignificación" de persoas desaparecidas após o golpe de Estado de 1936 en tres novas foxas comúns presentes na Galiza.

O delegado do Executivo na Galiza, José Miñóns, anunciou esta terza feira unha medida que, dixo, "reflicte o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa reparación da memoria das vítimas do franquismo".

Esta é a primeira vez, precisou Miñóns, que o Estado habilita axudas directas aos gobernos territoriais para estas actuacións. En concreto, na Galiza a partida destinarase ás foxas situadas en Lousame —parroquia de Vilacova—, A Capela e Celanova.

Esta partida dos orzamentos enmárcase no Plan Cuatrienal, que busca "dar resposta ás recomendacións dirixidas a España polos principais organismos internacionais de dereitos humanos", e actuará sobre un total de 557 foxas identificadas en todo o Estado español.

Foxas pendentes de exhumar na Galiza

O pasado 1 de agosto un equipo de especialistas da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciou os labores de busca e recuperación dos corpos de seis veciños de Boimorto asasinados polos falanxistas en Ortoño (Ames).

A historia de recuperación da memoria neste caso comezou en 2007, no Amenal (O Pino), partindo de varias testemuñas que sinalaban o lugar onde podían atoparse outros asasinados que formaban parte dun grupo.

Segundo un informe recente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Galiza hai arredor de 60 foxas comúns que aínda non se exhumaron, se ben o Goberno español cifra en até 461 as foxas totais presentes en territorio galego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios