Recuperan os restos de catro represaliados na foxa de Bértoa, en Carballo

Serían os corpos de Francisco Miguel Fernández Díaz, Juan Boedo Pardo, Pedro Pinilla Calvete e Pedro Pinilla Fraga, que presentan "evidencias de morte violenta".
Escavación en Bértoa. (Foto: ARMH)
photo_camera Escavación en Bértoa. (Foto: ARMH)

Os traballos de exhumación realizados ao longo desta semana por un equipo de arqueólogos no cemiterio de Bértoa, en Carballo (Bergantiños) finalizaron esta sexta feira coa recuperación de restos óseos que se atribúen a catro republicanos represaliados.

Segundo trasladou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), os corpos recuperados, que a entidade atribúe a Francisco Miguel Fernández Díaz, Juan Boedo Pardo, Pedro Pinilla Calvete e Pedro Pinilla Fraga, presentan evidencias de morte violenta.

Tamén se rescataron varios cascos de bala e nun dos corpos descubríronse cinco proxectís. Agora os restos serán trasladados ao laboratorio da asociación en Ponferrada (O Bierzo), onde serán sometidos a estudo para a súa identificación xenética.

O lugar no que se sitúa a foxa, explicaron desde a ARMH, fora sinalado previamente por unha veciña de Bértoa, o que motivou e facilitou os labores de escavación na procura dos restos mortais destas catro vítimas do franquismo.

A Fiscalía ábrese a estudar crimes do franquismo

Este achado prodúcese xusto un día despois de que a Fiscalía de Barcelona apoiase a admisión a trámite da querela interposta polo sindicalista catalán Carles Vallejo, da man de Irídia e Òmnium Cultural, polas torturas que sufriu en sede policial após ser detido por brigadas franquistas.

En contra do criterio adoptado durante o último case medio século, ao abeiro dunha Lei de amnistía (1977) que impediu xulgar este tipo de crimes, a Fiscalía barcelonesa entendeu que a entrada en vigor da nova Lei de memoria democrática dá paso a esta posibilidade.

O citado texto impón ao Estado o "deber de investigar as violacións do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario ocorridas durante a guerra civil e a ditadura franquista" e a obriga de "garantir non só o dereito á xustiza, senón tamén o dereito á verdade e á reparación das vítimas".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios