Xustiza

A Fiscalía apoia por primeira vez que se investiguen as torturas do franquismo

A Lei de memoria democrática abre a porta a desenterrar os crimes que a Lei de amnistía de 1977 non permitiu xulgar até o momento. E, por ese motivo, a Fiscalía de Barcelona apoia a admisión a trámite da querela presentada polas torturas ao sindicalista catalán Carles Vallejo.
Ciutat de la Justícia de Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Ciutat de la Justícia de Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Case medio século despois da aprobación dunha Lei de amnistía (1977) que impediu investigar crimes cometidos durante a ditadura franquista, a Fiscalía de Barcelona deu esta quinta feira un xiro de guión que podería sentar precedente apoiando a admisión a trámite dunha querela polas torturas a un sindicalista en sede policial. Trátase de Carles Vallejo, detido e torturado na comisaría barcelonesa de Vía Laietana en 1970.

"Pensei que estaría nas súas mans durante meses e meses, que non había límite. Esta foi a peor parte, porque non sabía canto tempo debería resistir as torturas. E tamén é un illamento sensorial, porque estás nun espazo ás escuras, cunha pequena luz; non hai xanelas e perdes a noción do tempo", relataba Vallejo nunha entrevista recente ao xornal catalán VilaWeb.

Aquela amnistía librou moitos policías de renderen contas ante un xuíz, como foi o caso, quizais o máis coñecido, de Antonio González Pacheco, alcumado Billy el Niño: a Xustiza española rexeitou até 18 querelas presentadas polas súas vítimas e mesmo a extradición a Arxentina, que o reclamaba por posíbeis crimes contra a humanidade. Mais agora, tal e como evidencia o exemplo de Carles Vallejo, a entrada en vigor da nova Lei de memoria democrática podería mudar o paradigma.

O citado texto impón ao Estado o "deber de investigar as violacións do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario ocorridas durante a guerra civil e a ditadura franquista" e a obriga de "garantir non só o dereito á xustiza, senón tamén o dereito á verdade e á reparación das vítimas". Nese precepto escúdase a Fiscalía para admitir a trámite a querela interposta por unha decena de entidades memorialistas por crimes contra a humanidade.

Se os acusados acaban nos tribunais, porén, saberémolo co paso do tempo. Polo de agora, que non é pouco, a Fiscalía conclúe que "non procede a inadmisión de plano da querela", senón que antes "é necesario levar a cabo unha investigación dos feitos e do seu contexto antes de adoptar unha decisión sobre a continuación do procedemento".

A querela presentouse en novembro de 2022 da man de Irídia e Òmnium Cultural, entre outras entidades, e identifica até seis policías polas supostas torturas a Vallejo, que foi detido dúas veces e procesado en tres ocasións pola súa actividade política e sindical contraria ao Réxime franquista.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios