Un congreso internacional divulgará a historia do Reino da Galiza

"Queremos facer divulgación social sobre o Reino da Galiza". Son palabras do deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, onte, durante a presentación do congreso sobre o Reino Medieval da Galiza que impulsa a institución provincial, nun acto no que estivo acompañado polos comisarios do evento, Xosé Lois Vázquez e Anselmo López Carreira.
Xosé Lois Vázquez, Xurxo Couto e Anselmo López Carreira, durante a presentación das xornadas.  (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xosé Lois Vázquez, Xurxo Couto e Anselmo López Carreira, durante a presentación das xornadas. (Foto: Nós Diario).

Couto explicou que este congreso nace "porque estamos firmemente convencidos da necesidade de que todas as sociedades deben coñecer o seu pasado para poder recoñecerse no presente, e nós queremos contribuír, con humildade pero con determinación, a que a sociedade galega coñeza mellor o pasado do noso país e a historia social e política do que foi a Galiza ao longo dos séculos".

"Chegou o momento de pór fin á ocultación da existencia do Reino da Galiza desde o rigor e o compromiso científico, porque foi unha época de esplendor cultural e artístico", apostilou.

Pola súa parte, Xosé Lois Vázquez cualificou este congreso como "unha das accións máis importantes e extraordinarias no eido do coñecemento do país". Este tamén foi o encargado de dar a coñecer a imaxe creada especificamente para o congreso, na que se integran elementos do brasón e do escudo de armas do Reino da Galiza.

O logotipo deseñado está composto por catro trevos brancos e unha copa real con tapadeira (representativa dos actos nobiliarios) coroada co ideograma dunha fortaleza, símbolo do poder político.

Un período central

Para rematar, tomou a palabra o historiador Anselmo López Carreira, que cualificou o Reino da Galiza como "o máis antigo existente en Europa occidental, pero sobre o que a memoria está perdida por completo, está completamente esquecido, ao contrario do que sucede co de León, o de Asturias ou o de Castela".

"Botaremos luz sobre esta circunstancia -afirmou o historiador-, mais sen entrar no detalle, pois queremos facer un congreso que realice un percorrido desde a época sueva até o século XIX, pero centrándonos nos 1.000 anos da Idade Media, tocando temas como a arte, a literatura, a estrutura administrativa...".

Especialistas de primeiro nivel

O Congreso Internacional Reino Medieval da Galiza terá lugar no Museo do Pobo Galego do 19 ao 22 de setembro do presente ano, e a organización informou de que as inscricións poderán realizarse "a partir de mediados de xuño" na páxina web oficial do evento.

Quen o desexe, poderá asistir a todas e cada unha das sesións, conformadas por un total de 18 persoas relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do reino medieval da Galiza, procedentes de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela (Pegerto Saavedra), a Universidade de Berkeley (Ramón Grosfoguel) ou a Universidade de Salamanca (Pablo Díez).

Entre as relatoras e relatores galegos estarán, ademais de Anselmo López Carreira, Martín Fernández Calo, Alberte Lago, Mariña Bermúdez, Carlos Andrés González, Carlos López Bernárdez, Carlos Baliñas, Xosé Miguel Andrade, Ramón Yzquierdo, Heitor Picallo, Mercedes Brea López, Xosé Ramón Pena, Eduaardo Pardo, Antón Xosé Meilán.

Comentarios