A Deputación da Coruña difundirá o Reino da Galiza en múltiples formatos

Danse a coñecer as 20 propostas aprobadas en múltiples formatos. Entre elas figura a iniciativa de Sermos Galiza S.A., editora de Nós Diario, do coleccionábel 'Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu', que constará de 34 fascículos.
Uxío Novo, Ramón Vicente, Xurxo Couto e María do Carme Galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Uxío Novo, Ramón Vicente, Xurxo Couto e María do Carme Galego (Foto: Nós Diario).

Propostas musicais, escénicas, de edición e literatura, proxectos animación en 3D e até un estudo sobre tipografía medieval son algúns dos 20 proxectos que a área de Cultura da Deputación da Coruña seleccionou dentro do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22'.

"A avalancha de solicitudes recibidas e a alta calidade indícanos que existe un tecido cultural moi interesado en crear contidos e produtos relativos ao período medieval galego", aseguraba o responsábel provincial de Cultura, Xurxo Couto tras a xuntanza de valoración. 

A institución recibiu 127 solicitudes que foron avaliadas por unha comisión composta por Uxío Novo, María do Carme Galego e Ramón Vicente, e presidida por Xurxo Couto.

As propostas, explicou onte Couto, debían "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval da Galiza". O orzamento total ascendeu a 250.000 euros, cunha cuantía máxima de 12.500 euros por cada proxecto. 

Sermos Galiza, seleccionado

En publicacións, aprobouse a iniciativa de Sermos Galiza S.A., editora de Nós Diario, do coleccionábel Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, que constará de 34 fascículos centrados na difusión dos reis e raíñas do Reino da Galiza, 34 podcast para o público xuvenil, un Banco de Datos sobre o Reino da Galiza dispoñíbel na edición dixital do xornal, e a elaboración e deseño de oito roteiros culturais.

O xornal infantil O Papagaio, polo seu lado, fará un número especial a temática. As redes sociais son as protagonistas de iniciativas como O Reino de Galicia. Coñecer o pasado para construír o futuro e o proxecto de 15 podscast co nome de Bailando con Reis e Raíñas.

Dous dos proxectos seleccionados crearán portais web para difundir contidos, un sobre Fortalezas do Reino da Galiza (Forega) e outro para espallar fontes bibliográficas. Un terceiro reinterpretará, nas voces de Alba Cid e Estevo Creus, o rei mítico galego.

No eido audiovisual, escolléronse desde vídeos abordando preguntas sobre ese período até documentais, como a proposta  sobre a Raíña Urraca do xornalista Aser Álvarez. Completan as iniciativas aprobadas o teaser dunha serie de animación en 3D, unha webserie orixinal, unha obra de teatro, actuacións de música antiga, unha banda deseñada, recuperación de fontes tipograficas, un libro-CD,  láminas ilustradas e a difusión dunha nova cartografía medieval.

Comentarios